A CIG-Ensino, CCOO, UGT, USO, CUT e SNEP decidimos, en unidade de acción sindical, dar continuidade e intensificar as mobilizacións comezadas nos tres sectores de atención ás persoas (Discapacidade, Menores e Infantil 0-3) ante a calada por resposta e actitude despreciativa da Consellaría de Política Social xunto cunha actitude pasiva dalgunhas Patronais e Asociacións, co fin de que se atendan as súas reivindicacións xustas e lexítimas.
Este martes 3 de febreiro as traballadoras rodearon cos coches o edificio da Xunta de Galicia en San Caetano para demandar melloras nas súas condicións laborais e un convenio digno. Asimismo, celebraranse concentracións reivindicativas nos centros de traballo todos os mércores do mes de febreiro.
Deste xeito, inician unha “campaña de concienciación social” pola precariedade laboral que sofren, así como o abandono por parte da administración, que é a responsable destes servizos públicos que ofrecen e que se definen como “esenciais”, pero que non se atenden laboral e salarialmente como tales. As traballadoras participarán nun “febreiro negro” con mobilizacións nas rúas e nos centros de traballo coa finalidade de amosar a fartura do persoal dos tres sectores e de forzar a negociación das reivindicacións do persoal traballador ante a administración galega e as patronais e asociacións dos tres sectores.

REIVINDICACIÓNS “FEBREIRO NEGRO” POR SECTORES:
Discapacidade
-Aplicación inmediata do total dos incrementos salariais recollidos no XVI Convenio Estatal por parte da administración, que agora mesmo están a asumir as Asociacións.
-Constitución dunha Mesa tripartita (administración, sindicatos e patronais) coa finalidade de dignificar os salarios coa creación dun Complemento salarial autonómico.
-Maior dotación de recursos humanos e materiais, así como baixada das ratios, que garanta unha maior seguridade e mellor coidado tanto do persoal traballador coma das persoas con discapacidade.
Menores
-Aplicación inmediata a todo o persoal traballador, desde xaneiro de 2026, das táboas salariais aprobadas no V Convenio Estatal, sen agardar a que se adxudiquen novos concursos, contratos ou concertos.
-O recoñecemento dun complemento autonómico, previa constitución dunha Mesa tripartita galega, que dignifique salarios e camiñe cara á homologación salarial nas mesmas categorías entre o persoal que está nos distintos tipos de centros.
-A dotación urxente de máis recursos humanos e materiais, baixada de ratios, así como a mellora das instalacións en todos os centros, garantindo a seguridade e coidado tanto para o persoal como para os menores.
Infantil 0-3
– Solicitude á Consellería da integración das escolas infantís na Consellería de Educación, recoñecendo o seu carácter educativo fronte ao asistencial.
– Unificación das táboas salariais do XIII Convenio estatal, en base á gratuidade da Xunta para todo o sector, confluíndo todas as táboas nas tipo A) de Xestión Indirecta.
– Creación dunha Mesa tripartita galega para traballar no recoñecemento dun complemento autonómico, que dignifique salarios, así como negociar a baixada das ratios e a mellora da calidade educativa.
-A dotación urxente de máis recursos humanos (parella educativa) e recursos materiais.
As organizacións sindicais acordan que a prioridade debe ser mellorar as condicións laborais e salariais mediante negociación colectiva, abrindo o Marco Galego de Relacións Laborais nestes sectores a través do CGRLs, no camiño de acadar convenios dignos e xustos en todos os ámbitos dispoñíbeis —estatal, autonómico ou de empresa—, empregando en cada momento o marco de relacións laborais máis útil para acadar avances reais.
No inmediato, apostan por reforzar no Consello Galego de Relacións Laborais (CGRLs) a negociación de melloras complementarias que permitan incrementar salarios (complemento autonómico), reducir ratios e mellorar recursos humanos e materiais nos tres sectores.












