FÉ NO CAPITAL E FERRO A FONDO

61

“Rajoy non é a Virxe de Lourdes”. Ou iso veu a manifestar Juan Rosell, o atento presidente da CEOE que seguiu (e alentou) con certo interese todo o proceso de ascenso da dereita nacionalista española ao poder central en Madrid. Agora nada se mostra máis nidio do que o feito de que o empresariado (o Capital) ten como única fé o Diñeiro. Para a patronal, Rajoy é un “tipo normal”. E seguramente, con carácter previo a que lle sexan adicadas rúas, prazas (de touros ou non), e insignias, desenvolverá unha política sen se saír do guión que o Capital Trasnacional (que xa non demora coas repichocas retóricas de discursos prestos a consumir) harmonizado co Capital Interior organizado militantemente na CEOE, escreben para el. Ningún contido místico hai en todo isto.Que fique claro: foi e é, a propia clase traballadora, desclasada, desposuída, ameazada con condicións económicas próximas á miseria material agora que o capitalismo agudiza as condicións da escravitude asalariada (traballadores/as libres asalariados/as, din) como método de produción a que decidiu (poida, si, que sen consciencia) un goberno da ultradereita nesta etapa avanzada de esfarelamento do capitalismo. Máis unha vez perpetuamos a tradicional mascarada electoral na que a burguesía viste traxe de noite e as traballadoras e traballadores xogan ao “tanto ten” e ao “nada importa”. Xusto cando, por dicir un nome, o FMI, non se preocupa de máis das cores do seu disfrace.

 

A ultradereita xestionando unha crise da entidade da actual significa, ímolo avanzando, o recrudecemento da ditadura do Capital sobre o Traballo. Esta ditadura ten diversas expresións posíbeis, e nos próximos días, meses ou anos os traballadores e traballadoras iremos observando como no circo de imaxes do neoliberalismo (no facebook, na TV) se van ir sucedendo recortes salariais, destrución do sistema público de saúde, educación ou benestar, degradación do salario diferido (pensións, incapacidades), eliminación da protección por desemprego, flexibilización das condicións de traballo, etc. Desfruten dos traslados de centro de traballo, das mudanzas irracionais e obrigatorias de quenda horaria, do impago das horas extraordinarias, que para algo deixamos avanzar libremente a locomotora do mercado. As entradas para o Circo do Capital, seica, non son caras.Ao tempo, a contestación social será afogada con contundencia polos pavillóns armados de Botín, por exemplo, (a Policía), e sempre quedará proletariado a aplaudirlles dende a grada norte logo da masacre. Un bo resumo sería o seguinte: precarización de toda a vida laboral. E precarización de toda a vida laboral significa, necesariamente, precarización de toda a vida das traballadoras e traballadores. A Organización Mundial da Saúde, non hai moito, deunos a benvida a un 2020 no que a depresión será a máis común e inevitábel compaña das clases traballadoras.As máis prexudicadas, as mulleres traballadoras. Non polo que han (habemos) perder con este novo Goberno, pois case nada posúen. Mais si por teren (termos) perdido unha nova oportunidade para que o noso traballo, principais obreiras do fogar (e da dignidade), sexa recoñecido como produtivo. Sexa apercibido socialmente como riqueza necesaria. Evidentemente, non vai ser o PP que se poña mans á obra no tan urxente plano de accesibilidade: o das mulleres traballadoras á igualdade eficaz e aos seus dereitos sociais, culturais e políticos. Unha compañeira desta nosa Central Sindical aseveraba nun artigo na imprensa nacional que e “apesar diso, a perspectiva de xénero nos programas electorais continúa ausente”, supoñemos que a case ninguén lle importa. O relevante politicamente para o Capital é que os chans dos despachos (e dos fogares) sigan a estar limpos. Que criemos mandas de escravas e escravos. Que as pícaras, os nenos, non berren de máis, que molestan. E que, por suposto, todo este traballo sexa de balde.Con todo, a Central Unitaria de Traballadores e Traballadoras debe asumir neste contexto a súa responsabilidade. Malia que somos unha central obreira cativa e humilde, tócanos desenvolver en práctica soidade un importante programa de defensa dos intereses concretos da clase traballadora. Na crise da estrutura de partidos da clase obreira, disoltos temporalmente pola vitoria do Capital, só o sindicalismo clasista e combativo pode xerar dinámicas eficaces e inmediatas de acumulación de forzas para endereitar o camiño dunha sociedade radicalmente igualitaria e profundamente libre.Conscientes desta realidade, as centrais sindicais seguen a ser hoxe unha ferramenta da colectividade traballadora para a súa emancipación. Seguen a ser un dos poucos recursos efectivos á hora de espallar a conciencia da pertenza a un colectivo maioritario socialmente (o das traballadores e traballadoras), e de conducir os esforzos deste, aplicados con decisión en cada centro de traballo contra a inxustiza concreta, no camiño máis amplo e polo tanto máis arduo, da resposta radical ao conxunto de normas e convencións da ditadura do Capital sobre o Traballo. As centrais sindicais combativas (pequenas ou de entidade) que se ciscan polo mundo, aliadas no principio obreiro do internacionalismo proletario, teñen como principal obxecto rachar un consenso imposto ao redor do carácter indestrutíbel (descúlpennos o palabro: transhistórico) e polo tanto, de que o Mercado é o único sistema de organización social posíbel.A marcha veloz do Capitalismo cara o ningures, ferro a fondo, as fortes fendas coas que o pensamento neoliberal disolveu as unidades puntuais e posíbeis da clase obreira, son un dos principais cuarteis de combate do sindicalismo real. Unha batalla que se debe desenvolver segundo os principios da coherencia e da pedagoxía de ida e volta. Fronte á sociedade dos individuos (segmentados, illados, afogados) criar masa traballadora, maioría social, consciencia de clase. Fronte á comprensión contextual de cada conflito, criar consciencia da existencia dun sistema (baseado na propiedade privada duns/dunhas poucos/as sobre os medios de produción) que é problemático, desigual, antisocial. Fronte ao imperio do mercado (de traballo) criar alternativas guiadas á luz da quebra coa explotación asalariada, co obxectivo da apropiación das traballadoras e traballadores do seu esforzo produtivo. Fronte á ansiedade sistémica, e o discurso da incapacidade obreira para rexer unha sociedade izada sobre o noso traballo, un discurso e unha praxe sindicais e radicais de empoderamento obreiro, de significación e revalorización da unidade e da asemblea e da nosa capacidade real, obreiras e obreiros, para rexermos unha sociedade entre todas e todos, a sociedade das e dos iguais.A proposta de Walter Benjamin ao redor da necesidade de saltarmos do tren en marcha regresa hoxe con máis intensidade do que nunca. A CUT porá todos os seus esforzos na organización colectiva dese salto urxente, irreversíbel e inevitábel. Non pediremos permiso, tampouco perdón.