Dende o pasado 8 de xaneiro, varios centros públicos de Galicia funcionan cunha carencia inadmisible: a falta de profesorado de Latín e Grego en Secundaria. Na actualidade son oito as vacantes sen cubrir, o que deixa a máis de 300 alumnos e alumnas sen docencia nestas materias fundamentais, durante semanas enteiras.
A situación é especialmente grave en 2º de Bacharelato, un curso curto, intenso e decisivo, no que cada sesión conta e no que o alumnado deberá enfrontarse en poucos meses ás probas de acceso á universidade. Privarlles da docencia durante este período supón unha clara vulneración do seu dereito a unha educación pública de calidade.
Lonxe de ser un feito puntual, esta problemática é o resultado dunha política educativa baseada na improvisación. Durante anos non se convocaron oposicións regulares de Latín e Grego en Galicia, o que reduciu drasticamente o número de persoas dispoñibles nas listas de substitución. A día de hoxe, as cifras evidencian unha absoluta falta de previsión por parte da Consellería.
A resposta da administración chegou tarde: a apertura de listas extraordinarias cando o curso xa está avanzado e o dano xa está feito. Esta medida, ademais, non garante solución ningunha se non hai persoal suficiente disposto a incorporarse, algo máis que probable tras anos de abandono das especialidades clásicas.
O que está en xogo non é só a organización dos centros ou as condicións laborais do profesorado, senón tamén o futuro das Humanidades no ensino público galego. Sen planificación, sen estabilidade e sen unha aposta clara por estas materias, o resultado é a súa progresiva desaparición.
Dende CUT esiximos solucións inmediatas para cubrir as vacantes actuais e, sobre todo, medidas estruturais: planificación real de efectivos, convocatorias regulares de oposicións e un compromiso firme coa presenza do Latín e do Grego no sistema educativo.
Porque sen profesorado non hai ensino. E sen Humanidades, non hai educación completa.












