Exiximos dignidade nas condicións laborais do profesorado substituto

106

Co comezo do novo curso tamén comezaron as chamadas para as substitucións, o persoal docente substituto ten que permanecer pendente do teléfono 12 horas ao día durante 5 días á semana sen saber, en moitos casos, se ao día seguinte vai poder durmir na súa casa ou vai ter que mudarse á outra punta da provincia, no mellor dos casos.
Isto ocorre porque as persoas substitutas só poden escoller onde queren traballar a nivel de provincia, é dicir, podes escoller para traballar nas  catro provincias, tres, dous ou unha, pero non en áreas máis acotadas, como se fai por exemplo no Sergas. Isto fai que se vives no límite dunha provincia ou nunha provincia relativamente grande, exista a posibilidade de que te chamen para o outro extremo e vivas nun permanente estrés con horas de coche ou transporte público (se o hai).
Na actualidade, hai unha serie de supostos que permiten restrinxir o ámbito de traballo máis aló da provincia, por concellos: coidado de menores ata 6 anos, dun familiar directo a cargo, enfermidade grave, violencia de xénero ou sexual, ampliación de estudos, contrato de traballo…. Así, é necesario ter unha xustificación das listadas para poder restrinxir o ámbito de traballo. Isto vese agravado coa circunstancia de que non se permite suspenderse de chamamentos como si se fai noutras consellerías, polo que renunciar a impartir aulas por estar manifestamente lonxe do teu domicilio, non é posible con este sistema, obrigando ao persoal máis precario a investir cartos, quilómetros e tempo nun traballo que de forma habitual é abonado ao mes seguinte de finalizar o contrato.

Nos supostos si recollidos, cabe recordar, que o límite de 3 anos por ampliación de estudos impúxose no último acordo da aldraxe asinado polos sindicatos que lle fan as beiras á Consellería, eliminando os título de ciclos formativos como un deses posibles estudos ou as Escolas Oficiais de Idiomas.

Entón, que ocorre cando as persoas substitutas non cumpren ningún destes supostos? Pois o dito. A maiores do problema de que non saibas se vas poder durmir ao día seguinte na túa casa, engádese a imposibilidade de planificar nada na túa vida, ter que pagar dous alugueres ou unha hipoteca e un aluguer (que a día de hoxe non están nada baratos).

As persoas con crianzas maiores de 6 anos vense obrigadas a non poder estar durante a semana con elas, no mellor dos casos ao coidado da parella se non traballa ou dos avós nos casos monomarentais ou unha coidadora.  Estamos a falar de idades nas que carecen de autonomía e nós preguntámonos onde está para este persoal o dereito á conciliación familiar.
Non debería ser un privilexio querer vivir na túa casa e querer poder estar coa túa familia ou simplemente estar no teu fogar e non ter que andar dun lado para outro sen ningunha estabilidade.

Estamos a falar da calidade de vida e das condicións laborais dunhas persoas que están a prestar un servizo moi importante para a administración pública (cubrir as baixas, permisos e demais situacións é moi importante para a calidade educativa e para garantir os dereitos do persoal docente funcionario que si ten praza pero tamén vicisitudes persoais que atender).

O que se está a pedir non é nada excesivo ou problemático, ten sinxela solución: que a zona a restrinxir sexa por concellos para todo o profesorado ou como mínimo por áreas dividindo as provincias en distintas zonas (por exemplo, Pontevedra norte e sur), podendo escoller unha única área (por exemplo Lugo norte) ou varias (Pontevedra norte e Coruña sur).
No primeiro caso, o argumento en contra, que presenta a Xunta, é que habería zonas menos poboadas de Galicia que se poderían quedar sen persoas substitutas (algo que sabemos ben que non ocorre, porque sempre hai persoas que non queren restrinxir, habitualmente sen cargas familiares). A solución sería incentivar
as substitucións nesas zonas máis afastadas de diferentes formas, axudar cos gastos de transporte e vivenda, ou que houbera que escoller todos os concellos ao redor a un mínimo de 30 minutos de viaxe en coche en calquera caso.

Moitas persoas substitutas temos certas reticencias a reclamar calquera dereito por medo a que tiren as listas abaixo, pero hai que recordar que canto máis deixemos que recorten os nosos dereitos e menos os esixamos,máis probable é que iso ocorra.
Só mediante a unión e presión da clase traballadora poderemos recuperar e mellorar as nosas condicións laborais, entendendo que o persoal temporal é parte imprescindible do sistema e que debe estar en condicións dignas de desempeño do seu posto laboral e non vivindo no afogamento económico con 2 vivendas que pagar, quilómetros que facer e illamentos familiar.

Exiximos:

  • Restrición por concellos para todo o profesorado en listas.
  • Apertura e habilitación das vivendas-escola ou residencias conveniadas coa Xunta para o aloxamento gratuíto do persoal substituto desprazado dos seus domicilios.
  •  Complemento de quilometraxe para aqueles temporais a unha distancia de máis de 50 km do seu domicilio.
  • Posibilidade de suspensión de chamamentos por un tempo determinado, sen xustificación previa.

Reflexionemos: sen persoal temporal que cubra as necesidades do persoal en vacante anual, non hai dereitos. Loitemos por unha boas condicións para todas.