Éxito na folga das asalariadas das autoescolas de Pontevedra

301

Tras 6 días de folga convocados nas autoescolas da provincia de Pontevedra, a avaliación só pode ser positiva: socializamos a problemática que sofre o persoal asalariado do sector e demostramos que a necesidade dun convenio provincial, que lexisle e garanta dun xeito máis próximo os nosos dereitos, é unha demanda de urxencia para as traballadoras.

As xornadas de folga centráronse en dar a coñecer a situación real que se agocha tras os centros de formación viaria. Falamos nos distintos puntos de exame co alumnado, que en moitos casos, nun acto de solidaridade coas persoas ao cargo da súa formación, decidiron non realizar as probas, quedando novamente convocadas de forma extraordinaria sen que corra a convocatoria. Desafortunadamente, algunha autoescola decidiu desoír as recomendacións e instigou ás aspirantes a realizar as probas atravesando os piquetes informativos, somentendo tanto ao alumnado como ao funcionariado encargado da avaliación a unhas situacións de estrés e ansiedade que se afastan do modelo de condución segura que día a día nos esforzamos por transmitir. Esta conducta por parte dos centros formativos desembocou nun perxuízo para as aspirantes.

Dende o sindicato queremos poñer en valor a boa actitude que desde o primeiro día mostraron as compañeiras que secundaron a folga, sabendo conter a rabia acumulada por anos de abusos e precariedade e transformándoa nunha revolución imparábel. Asemade, aproveitamos para desvincularnos das acusacións vertidas pola patronal, nas que se nos relaciona coas pintadas que apareceron nas pistas de Piñeiral do Rei. Non podemos máis que entender que cando unha persoa sofre sistematicamente violencia patronal resposte en ocasións levada pola carraxe, por este motivo asumimos que a responsabilidade última deses actos debe recaer sobre quen nega esa violencia e non fai nada para evitala. Esa pasividade ante a precariedade é o que nos obrigou a ter presenza nas rúas a pasada semana, e o feito de que cada día se fosen sumando novas folguistas confirmou as certezas de que é vital para nós mudar o sistema de traballo nas autoescolas. Desenvolvemos a nosa actividade coa cobertura dun convenio obsoleto, con salarios que non nos permiten cubrir necesidades básicas, sen ningún tipo de conciliación nin unha seguridade laboral adaptada aos postos de traballo, e a Asociación Provincial de Autoescolas segue actuando como unha mera espectadora, negándose a calquera vía de negociación, o que nos fai repensar cales son os intereses reais que se agochan tras esta asociación.

Con este peche de folga retomamos vías de traballo temporalmente paradas pola época estival, á par que damos comezo a outras novas que xurdiron a raíz dos recentes actos, xerando vías de diálogo alternativas. En ningún momento descartamos novas mobilizacións se poñer freo á precariedade segue sen formar parte da axenda da Asociación Provincial de Autoescolas.