Para a Consellería de Román o galego é unha lingua de segunda, ou máis ben terceira consideración, despois do inglés. Porque se queres usar o inglés para dar matemáticas non hai problema, pero pobre de ti como queiras facelo en galego……… atrevida!
O pasado 22 de xuño tiveron lugar os actos de presentación e a Parte A das oposición a mestras e profesorado de secundaria de moitas especialidades por toda Galiza.
En varios tribunais de Primaria, repetindo o ocorrido o ano anterior en especialidades coma Historia da Arte das ESAD onde inspectores usaron o castelán no sorteo dos temas, durante os procesos selectivos celebrados o pasado xoves, o castelán foi a lingua escollida sobre á hora de presentar os 25 temas correspondentes a cada especialidade. No Tribunal 2 de Primaria da Coruña cada opositor tiña na mesa un sobre con folios sellados e unha folla cos temas en castelán, para a sorpresa de moitas opositoras que tiveron que solicitar que se lles foran facilitados ditos temas en galego.
Non esquezamos que o galego é lingua oficial da administración e na que todo o seu funcionariado e entes teñen que emitir as súas comunicacións. Porén, parece que cada vez é máis frecuente atopar incumprimentos, comezando pola gran parte das web e apps da Consellería que en defecto nos presentan en castelán, de forma intencionada.
Temos constancia , na CUT, de que o acontecido na Coruña non foi un caso aillado, tras chegar queixas doutros tribunais de Primaria (por exemplo en Francés) nos que nin sequera existiu a posibilidade de acceder a “alternativa” en galego.
Dende a CUT consideramos estes feitos como moi graves, xa que a Xunta incumpre a súa propia normativa no uso e protección da lingua propia a cotío e de novo nun contexto de probas de acceso á función pública galega.
Ben é sabido que o Partido Popular de Rueda e Román están empeñados en suprimir a nosa lingua do primeiro plano para convertela nun elemento residual, melancólico e sen incidencia na vida diaria das cidadás do país, comezando polo ensino e a sanidade como servizos de acceso masivo aos seus propósitos. Na sanidade pública é xa case imposible que se faga entrega de instrucións ou documentación en galego nos hospitais públicos, fóra de documentos oficiais tipo, e no ensino a perda de galegofalantes ao chegar aos centros regrados é alarmante.
Mais non só temos que responsabilizar á Xunta, xa que somos nós, a propias docentes, as que temos que tomar conciencia como colaboradoras necesarias da masacre da nosa lingua apartándoa, esquecéndoa e apagándoa nas aulas día a día.
Que un tribunal de oposición de acceso ao ensino público galego entregue material en castelán debería elevar o berro dos aspirantes a formar ás nosas xeracións futuras, xa que as presidencias son outourgadas a dedo pola propia Consellería aniquiladora da lingua. Que agardamos se non reivindicamos e defendemos como pobo o que é noso?
Estes feitos véñense repetindo ao longo destes anos, onde observamos que cada vez as trabas ao galego son máis relevantes desde as mesmas institucións que teñen a obriga de defendelo e promocionalo.
Onte mesmo entregaron as medallas Castelao os mesmos personaxes que permiten estas actuacións e que o enviaron a exiliarse, con total impunidade no seu nome e sen pudor algún pola súa parte e daqueles que reciben e presencian esta aldraxe pública.
Os que onte repartían medallas son os mesmos do PP que autorizaron hoxe o pacto coa ultradereita nas Illes Balears, avalado polo aínda presidente na sombra da Xunta de Galiza, Feijoo, que inclúe a supresión do requisito lingüístico do catalán no acceso á función publica nas illas. A asunción desta limitación, xa empregada coa escusa da COVID-19 na sanidade galega, deixa ben ás claras que non só non está dentro das súas prioridades a defensa da lingua por parte de quen detenta o poder na Galiza e pretende ocupar o goberno do estado este 23 de xullo, senón que están dispostos a sacrificalo no acceso ao poder como bos caciques.
Por iso chamamos a reflexionar dende a sección da CUT Ensino ante as situacións de ninguneo á nosa lingua: está nas nosas mans como corpo administrativo, votantes e docentes reverter a situación a curto, medio coma longo prazo, nas aulas, nas urnas e na sociedade que formamos respectivamente.
SEMPRE EN GALEGO, SEMPRE EN GALIZA