A Sección Sindical da CUT rexistrou o venres, 18 de maio, unha solicitude ao Director de RRHH pedíndolle que retire TODOS OS CÓDIGOS OPE que foron asignados a traballadores e traballadoras de maneira arbitraria e ilegal. Ilegais por terse asignado a contratos por obra logo dunha sentenza de indefinidade en primeira instancia e, no caso das interinidades ata OPE, porque xa hai sentenzas que anulan este tipo de contratos e, polo tanto, o código que levan asociado.
Por iso a Sección Sindical pide a creación dunha mesa de negociación coa empresa para tratar a resolución deste conflito.
A CUT expuxo esta problemática o pasado mércores 16 de Maio no seo do Comité Interempresas, logo de analizar polo miúdo esta situación que, ao entender desta Sección Sindical, vai supoñer un ERE encuberto que pode afectar a 80 traballadores e traballadoras. A CUT redactou a súa proposta segundo o exposto nesa xuntanza, para sometela a votación. Finalmente o texto que se aprobou foi outro, presentado pola CIG, no que se contextualiza a problemática histórica da contratación fraudulenta nesta casa e da negociación do proceso selectivo en curso, xustificando a asignación de contratos de interinidade a traballadores e traballadoras que incorrían nos prazos da chamada “Lei Caldera”, é dicir, persoal que tiña que ser declarado indefinido como establece esa norma e como sempre defendeu a CUT.
Malia que o texto aprobado solicita un novo proceso de consolidación de emprego para San Marcos e delegacións, e que “non se utilicen os códigos como coartada para despedir a traballadores/as”, esta Sección Sindical entende que, se ben é certo que a problemática laboral da CRTVG trascende aos contratos con código OPE, é unha falta de responsabilidade non saber priorizar os problemas e a urxencia coa que hai que afrontalos dende a representación sindical. Os oitenta traballadores e traballadoras que en breve verán rescindidos os seus contratos son, para esta sección sindical, o problema máis urxente que temos enriba da mesa.
VOTACIÓNS PROPOSTA CUT
* coas modificacións suxeridas por CCOO
4 VOTOS (3 CUT, 1 CC.OO.)
PROPOSTA CIG
5 VOTOS (2 CIG, 1 UXT, 2 USO)