Ética da vangarda

34

As costas ben amplas. Refírome ás costas morais. Á súa capacidade de aguante. É o que debe ter, para cargar co peso do compromiso, cada quen que forme parte da vangarda. Pois para sí debe asumir, como propias, a conquista de cada un dos soños e a posta en marcha de cada un dos actos. E nos momentos duros, sobre todo, a responsabilidade dos erros políticos, dos tropezos, e mesmo das derrotas e fracasos. Pero non así o mérito polos logros e avances nos intres luminosos, que corresponden sempre ao colectivo.

Quen forme parte da vangarda, debe estudar máis que ninguén, debe coñecer máis que ninguén, non só as estruturas da realidade, senón tamén os pequenos detalles, os pormenores, no espazo e no tempo. Pois do que se trata é de transformar esa realidade. Tal é a súa tarefa esencial, que non pode ser xamais posta de lado.

Quen pertence á vangarda, ha ser o exemplo para seguir. Pola súa sensibilidade cara ao humano, a súa apertura ao amor e a tenrura. Tamén pola súa forza, coherencia vital, capacidade de traballo, paciencia e sentido do momento.

A súa palabra ha ser unha bandeira incorruptible. As súas ideas nacerán para ser compartidas. E porque as razóns que manexe pasarán a ser razóns dos outros, deberán estar labradas na perfección, bebendo sempre das fontes do pobo. Oíndo sempre. Nunha construción que ha ser colectiva.

Quen pertence á vangarda, ha crer na vitoria. E por adversas que parezan as circunstancias, non se dobregará xamais. Saberá que leva na fronte unha estrela e no bico un cantar, que son de todos.