Estrés laboral: cando o traballo te rompe

305

A explotación laboral do século XXI está a danar a saúde mental da clase traballadora. Non é un problema que o sistema descoñeza: a propia Organización Mundial da Saúde (OMS) define o estrés laboral como “un grupo de reaccións emocionais, psicolóxicas e conductuais ante esixencias profesionais que exceden os coñecementos e habilidades do traballador para desempeñarse de forma óptima”. Unha frase que traducida á realidade laboral pode describir o efecto na persoa traballadora da coacción empresarial para sometela a uns ritmos que só benefician ao lucro capitalista.

Aínda que a sociedade é consciente dos problemas de saúde mental que produce a explotación laboral, as baixas relacionadas co estrés valóranse como enfermidade común. Este tipo de doenzas non se consideran enfermidades profesionais, e se se quere conseguir o seu recoñecemento como accidente laboral a vía que existe é recorrer a un proceso xudicial de determinación de continxencias que pode reabrir feridas emocionais na persoa traballadora.

Rachar

O concepto de ‘estrés’ ten a súa orixe na física dos metais. Nun estudo de forza e resistencia dos metais observouse que cando un metal exerce unha forza superior á que outro pode soportar, esta última peza remata crebando. Este concepto foi levado para a psicoloxía e podería aplicarse tamén ás relacións de clase: “cando unha clase opresora exerce unha forza superior á que outra pode soportar, esta outra amosa unha sintomatoloxía compatible con crebar”, expón a psicóloga Carla Rivas.

Son moitas as causas que poden provocar o estrés de orixe laboral: situacións de intimidación e ameazas -en ocasións relacionadas coa actividade sindical ou reivindicativa-, unha sobrecarga de traballo, a asignación de tarefas que non corresponden, a realización de labores monótonos ou a propia inestabilidade económica da precariedade laboral. Seguindo coa análise de clase, todas estas causas enténdense como manifestacións dunha causa maior: a opresión e a explotación do sistema capitalista, “pois para obter unha plusvalía é precisa a precariedade e a sobrecarga”, salienta Rivas. Para o capital poder sobrevivir, as traballadoras teñen que ter a imposibilidade de desenvolver unha vida independente dos ritmos de produción de beneficios.

“O estrés aparece porque esa situación de ameaza se mantén no tempo, vaste adaptando ao estresor e as túas resistencias baixan até chegar ao momento do esgotamento, no que é mais fácil enfermar. Segregas cortisol por riba do saudábel e hai unha resposta inmunodepresiva. “

Proceso e síntomas

O estrés prodúcese cando existe unha ameaza presente de xeito constante. “Habería unha resposta sá inicial, que tería que ser defensiva”, indica Rivas, pero o estrés aparece porque esa situación de ameaza “mantense no tempo, vaste adaptando ao estresor e as túas resistencias baixan até chegar ao momento do esgotamento, no que é mais fácil enfermar. Segregas cortisol por riba do saudábel e hai unha resposta inmunodepresiva. Aí é cando polo xeral rematas por pedir axuda, ou polo menos unha baixa”. Mais o estrés xa está presente antes de atinxir ese momento de esgotamento.

Unha traballadora do ámbito do social que padeceu estrés laboral relata algúns dos síntomas que vivenciou. Estaba a sufrir unha situación de sobrecarga de traballo e responsabilidades, entón “comezaron as palpitacións, de súpeto tés tanta información na cabeza que se che esquece e recibes broncas por iso. O peor de todo é cando che mandan facer máis cousas e ti non podes porque estás desbordada, e continúas así até que un día decides ir ao médico”.

“Todas estas cousas foron enchendo o saco , até que o saco rebentou”, expón esta traballadora, quen sinala tamén a invisibilidade destes problemas de saúde: “Ven que tés un mal día e recoméndanche botar unha crema para as olleiras, tomar unha infusión, facer algún tipo de terapia alternativa…”, sen querer ver que o foco do problema está na explotación laboral á que se vía sometida.

Esta traballadora decidiu denunciar e batallar por que o seu problema de sáude sexa recoñecido como accidente laboral. A pesar das dificultades do proceso, ten claro que é necesario sacar este tema á palestra pública: “É indispensábel socializar isto para que todo o mundo coñeza de primeira man que non é normal que nos berren ou que nos manden facer máis tarefas das que nos corresponden”.

Pola súa banda, a psicóloga Carla Rivas chama a entender este problema do estrés laboral como un problema colectivo, e salienta que non recoñecer as causas laborais desta doenza implica situar a causa no plano individual. “Ao descolectivizarse o malestar xérase culpa e indefensión, polo que deixan de ser motivo de loitas e rematan por levar ao inmobilismo”, denuncia. Tamén critica que se estean a “normalizar diagnósticos coa idea de que poidan ser tratados con psicofármacos de maneira individual, que ademais de enriquecer unha industria cruel e voraz leva a un maior adormecemento da poboación”.

Legalidade e xurisprudencia

Ao non ser recoñecido como doenza profesional, os problemas relacionados co estrés laboral veñen declarándose como doenzas comúns. Isto implica unha menor protección a varios niveis: as mutuas desenténdense destes casos, a prestación por incapacidade temporal ou permanente é significativamente menor e require maior período de cotización previo. Ademais, ao non ser recoñecida como unha doenza profesional, practicamente nom existe unha prevención relacionada coa saúde mental no traballo.

“As mutuas desenténdense destes casos, a prestación por incapacidade temporal ou permanente é significativamente menor e require maior período de cotización previo. Ademais, ao non ser recoñecida como unha doenza profesional, practicamente nom existe unha prevención relacionada coa saúde mental no traballo.”

Algunhas sentenzas xudiciais teñen recoñecido problemas de saúde mental como accidente laboral. Un exemplo sería a do ano 2017 do Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía, nun proceso de Seguridade Social, que calificou de accidente laboral un transtorno depresivo que estaría causado pola situación laboral.

Este tipo de sentenzas baséanse no artigo 156.2.e) da Lei Xeral de Seguridade Social, que considera accidentes laborais “as doenzas (…) que contraia o traballador con motivo da realización do seu traballo, sempre que se probe que a doenza tivo por causa exclusiva a execución do mesmo”.

Isto implica que a traballadora vai ter que demostrar con informes médicos a relación exclusiva entre a doenza e o traballo.

Mais para moitos xulgados tamén será determinante que non existan antecendentes de problemas psicolóxicos. Esta situación establece unha dificultade engadida para recoñecer a orixe laboral de problemas como o estrés. En palabras da psicóloga Carla Rivas: “se o traballo non é compatíbel coa vida, entón quen vai poder ter unha vida sá e libre doutras doenzas mentais?”

Traballadoras do SAF

“A metade da plantilla está de baixa psicolóxica”. Así de contudente é a realidade que expón Rebeca Porto, traballadora do Servizo de Axuda ao Fogar (SAF), de Redondela. As traballadoras deste servizo levan meses denunciando a degradación das condicións laborais desde que se fixo coa concesión a empresa Os Ventos.

A lista de presións ás que se ven sometidas as traballadoras deste servizo público é ben longa: inseguridade de cobrar a tempo -coa consecuente posibilidade de deixar facturas sen pagar-, a falta de conciliación laboral, os cambios de horarios a última hora ou non respeitar os días de descanso e vacacións.

Porto denuncia tamén ter padecido coaccións, sancións e o control da súa ubicación. Ela realizaba tarefas de coordinación e en ocasións tivo que enfrentar decisións da empresa que consideraba inxustas para as traballadoras. E engade que agora “aínda están máis acima das traballadoras. Non existen coordinadoras. Desde que eu collín a baixa, unha das que nos cubría deixou o posto de traballo e outra está tamén de baixa psicolóxica”, polo que as tarefas de coordinación realízanse desde a oficina central da empresa en Santiago. Porto salienta que a falta de protección e seguridade laboral non recae só na empresa adxudicataria, pois “o Concello e a Xunta mira para outro lado, e iso que estamos a falar dun servizo público”.

“O estrés é unha condición de clase e de xénero, pois son os traballos feminizados aqueles que máis están a padecer a precariedade. “

Esta traballadora ten clara a orixe laboral dos problemas de saúde mental no SAF de Redondela. Mais acha que non ten que ver exclusivamente coa actitude da concesionaria actual, e encontra a orixe do estrés na “sobrecarga física e psíquica, presión e tensión que vivimos diariamente no desempeño das nosas tarefas. As traballadoras de axuda ao fogar non somos valoradas polo traballo que realizamos. Somos invisíbeis”. A maior implicación emocional que teñen os traballos de coidados tamén é un dos factores que activa o estrés.

O estrés é unha condición de clase e de xénero, pois son os traballos feminizados aqueles que máis están a padecer a precariedade. Mentres o sistema non cambie, a saúde mental rachará en mil anacos en forma de ansiedade, de depresión, de estrés… A idea do capital é facer do malestar colectivo un asunto individual e patolóxico, desvencellando os malestares do sistema e culpabilizando á clase traballadora por eles. A saúde mental precisa tamén de unha abordaxe política e sindical.