Desde o 24 de maio, as traballadoras da limpeza da Xunta están en pé de guerra reclamando a fin da discriminación laboral machista. Esixen que a empresa adxudicataria, neste momento o Grupo Norte, coa complicidade da Xunta de Galicia, deixe de vetar ás mulleres na suba de categoría de peoas a peoas especialistas, unha categoría da que só gozan os homes.
A traballadora das limpezas da Xunta, Esther Pais, ten moi claro que esta discriminación ten que rematar xa. Destaca que esta é unha loita que non vai en contra dos compañeiros senón da discriminación machista que sofren elas como traballadoras e como mulleres. Pais chama tamén a acudir ás manifestacións, que se están a realizar os xoves pola mañá, e á implicación de todas as traballadoras das limpezas e todas as feministas do país xa que esta conquista poría supor un efecto dominó que rematase dunha vez por todas con esta discriminación que sofren milleiros de mulleres en Galiza.
Esther, en que consiste o conflito?
Esther Pais: Esta empresa, o Grupo Norte, e as antecesoras, téñennos vetada a suba de categoría ás mulleres e non é xusto. Un peón especialista limpa cristais e nós limpamos mesas, despachos, andamos con productos perigosos, fixemos cursos de manipulación de maquinaria. E de que nos vale? Por que se nos veta? Por que nos discriminan por ser mulleres? Nunca nos deron a opción da suba de categoría! Nin un plus! Pola contra, levamos o gordo do traballo. Os días de asuntos propios cargámolos á nosa espalda porque non se cubre á compañeira senón que se reparte o traballo coas que van traballar ese día. As baixas, a non ser que sexan longas, tampouco se cubren.
Os días de asuntos propios cargámolos á nosa espalda porque non se cubre á compañeira senón que se reparte o traballo coas que van traballar ese día. As baixas, a non ser que sexan longas, tampouco se cubren
Estas reivindicacións, da suba de categoría e fin da precarización do noso traballo, non van en contra dos nosos compañeiros. Reivindicar os nosos dereitos como mulleres non é ir en contra de ninguén. Iso debe quedar claro dunha vez por todas porque se querían que quedasemos caladas, non o van conseguir.
Como repercute en vós esta situación?
A precarización do noso traballo repercute moito na saúde. Mira como estamos as mulleres, todas mal! Acabo de saír dunha baixa de catro meses por un tendón e a semana que vén unha compañeira colle uns días e ímola cubrir entre nós. E que che neguen a suba da categoría por ser muller… como te vas sentir? Mal! Síntome como se non valorasen o noso traballo, como se non servira para nada.
Este mundo ten que mudar, comezando pola fin desta discriminación tan machista. Por iso son precisas as mobilizacións e que as mulleres nos xuntemos
Que consecuencias tería conseguir esa suba de categoría?
O primeiro levantaríanos a moral. Vexo moi triste que por ser muller te veten nunha empresa. Tamén abriría camiño para as demais. Aí atrás tivemos unha folga de 22 días e houbo xente que estivo, que pelexou, aínda que lle quedase pouco para a xubilación. Loitou pola xente que viña atrás, iso é imprescindible. Loitamos por moitas. Se conseguimos a suba de categoría, máis mulleres poderían beneficiarse e ese é o temor da empresa. Témennos por iso. Pero é o noso dereito, o de todas, e temos que loitar. Non podemos quedar caladas agora. Este mundo ten que mudar, comezando pola fin desta discriminación tan machista. Por iso son precisas as mobilizacións e que as mulleres nos xuntemos.