ESTE SISTEMA NON SERVE, MOBILIZACIÓN!

62

Hai uns meses ninguén falaba de crise, pero xa subsistían 950 millóns de famentos no mundo; xa o 45% da poboación mundial estaba sen auga e o 50% sen atención médica; xa o desemprego e a precariedade laboral afectaba ao 80% do planeta. Esta foi, e será sempre, a consecuencia directa do capitalismo: xerar riqueza para uns poucos destruíndo a vida da maioría.Por que toca agora falar de crise cando xa existían estas condicións obxectivas? A resposta é clara: o sistema capitalista, despois de obter grandes beneficios grazas á especulación, entrou en colapso financeiro. Este colapso levouno á redución de ganancias (ollo, non a perder cartos), e para frear esta tendencia propoñen como solución dar cartos públicos aos bancos e empresas privadas (cartos que sacan dos petos dos traballadores e traballadoras), propoñen despido libre, xornada laboral máis ampla, eliminación do gasto social, desgravación fiscal ás empresas… Medidas e medidas destinadas a salvar un sistema que leva á precariedade a todo o proletariado, medidas que implican o sacrificio dos traballadores e traballadoras en beneficio desta caste de voitres explotadores.Esta situación xa existía con anterioridade a esta fase da economía capitalista que o poder económico, e os seus lacaios políticos, chaman crise. Dende os anos 90, e como consecuencia do ultraliberalismo aplicado nos anos 80, os “intelectuais” do capitalismo, veñen anunciando o fin da historia e a chegada do sistema perfecto; un sistema que deron en chamar globalización. A día de hoxe quedou demostrado que a historia non chegou ao seu fin, que o capitalismo é o sistema que ten que desaparecer, que a globalización non era máis que un eufemismo para non chamar polo seu nome ao imperialismo capitalista… quedou demostrado que O SISTEMA NON SERVE!!O que eles chaman crise non é máis que un estancamento do consumo, o pobo traballador xa non pode absorber todas as mercadorías, non ten xa de onde sacar recursos para manter as marxes de beneficio do capital. O salario real dos traballadores e traballadoras chegou a mínimos tan ridículos que non poden manter as esixencias destes piratas. Que se lles ocorre para saír do labirinto aos poderes económicos? Pois que sexan os traballadores e traballadoras os que poñamos da nosa parte para solucionar os problemas dos bancos, multinacionais e grandes empresas. En primeiro lugar máis contención salarial, en segundo lugar xeneralización dos Expedientes de Regulación de Emprego (EREs) coa complicidade do sindicalismo vendido ao poder, e en terceiro lugar darlles cartos públicos ás empresas para evitar máis EREs e así pagar os salarios dos traballadores e traballadoras mentres quedan na casa, evitando así a mobilización obreira ante esta barbarie.Na comarca de Vigo xa marcharon 2000 traballadores para casa, pero segundo a patronal non son despedimentos, son finalización de contrato. Unha medida deste calibre, hai vinte anos, tería levado a toda a clase traballadora ás rúas, pero hoxe estamos desmobilizados pola parálise que supón o consumismo no que estamos afogados (hipotecas, coches, tecnoloxía idiotízante…). A situación vai empeorar o vindeiro ano, e máis tendo en conta que o goberno antiobreiro do estado español ten a intención de pechar o IPC deste ano arredor do 2%, cando todos sabemos na nosa vida cotiá que a suba de prezos foi escandalosa; esta previsión de IPC vainos levar a unha perda maior de poder adquisitivo que pode dificultar a cobertura das necesidades primarias (alimentación, saúde, vestido, educación).Dende a CUT facemos un chamamento á mobilización porque o problema non é a crise do capitalismo, o problema é o capitalismo mesmo. Dende a CUT pedimos a toda a clase obreira que reaccione contra un sistema que exclúe dunha vida digna á metade do planeta cando non ten problemas, e que ameaza coa pobreza ao resto cando descenden os seus beneficios.Non somos nós os responsábeis desta situación que vimos sufrindo dende hai anos, con moita máis gravidade dende a entrada do euro e a consecuente inflación. Por que temos que pagala nós? Fronte a estas políticas de apoio a grandes empresas e banca cos nosos cartos, fronte a pasividade da autoridade laboral ante a declaración de EREs para aumentar os beneficios das empresas (non para reducir perdas) só cabe a denuncia e a mobilización. Nas nosas mans está pórlle freo ao capitalismo e reaccionar contra aqueles que nos están a explotar para manter a súa marxe de beneficio. 

NON SEXAMOS CÓMPLICES DESTE ENGANO, MOBILÍZATE O DÍA 18 DE DECEMBRO, ÁS 20 HORAS DENDE VÍA NORTE.

ESTE SISTEMA NON SERVE, MOBILÍZATE!!