Como levamos anos denunciando, o suposto proceso de estabilización tan só está a servir para precarizar e botar á rúa aquelas traballadoras máis vulnerables: as temporais. Semella que Feijóo continúa a descoñecer a Directiva 1999/70/CE.
Pese a que valoramos positivamente o anuncio de que o persoal temporal non terá a obriga de presentarse ao paripé das oposicións para manterse en listas, isto non soluciona o problema de fondo: un sistema que non ten en conta as persoas e a súa traxectoria profesional.
Alén disto, segundo a Xunta a OPE 2020 forma parte do falso proceso de estabilización 2018-2021 polo que están a recoñecer de facto, que poden prescindir daqueles que deberían ser estabilizados, porque como xa sabemos, tanto lles ten quen ocupe as prazas estruturais ofertadas da xente en fraude de contratación.
O ano pasado, a presión dos opositores foi quen de paralizar un proceso en plena pandemia. Agora, a Xunta anuncia un proceso 100% libre de COVID. A realidade é que iso é imposible: non se pode garantir que non haxa contaxio ningún. Moita xente non concorrerá por precaución, aquelas persoas que conviven ou son de risco e non queren expoñerse, despois de tanto sacrificio na súa vida persoal coidándose do contaxio.
Por todo isto, voltamos a esixir a paralización da OPE e o fin da función teatral da Xunta de Galicia, por dignidade, xustiza laboral e por saúde.