Esquirolaxe cidadá e dignidade na folga da xustiza

687
Brais González

Brais González Pérez

Responsable Asesoría Xurídica da CUT

Preguntaranse que fai un avogado desconfiando ou porfiando da Xustiza. Que ninguén o tome moi a peito tampouco. Déixeno quedar, se queren, nunha desconfianza desta xustiza do aquí e do agora. O moi admirado Bertold Brecht que nin traballaba nunha ONG, nin militaba nunha Igrexa, e que fama de subversivo tiña a suficiente, dixo aquilo de “Descolgo a balanza da súa xustiza e amoso / os seus pesos falsos. / Os seus espías infórmanos / de que estou cos roubados cando / preparan a rebelión”. Pola súa vez, a nosa Rosalía, tiña outro concepto de xustiza, bastante máis material e inmediato. Que a faría merecente dun longo proceso político nunha impersoal sala do Tribunal de Orde Pública (Audiencia Nacional) e de dous anos e un día de condena a prisión. Mesmo a título póstumo.

O curioso, para os que non lle temos especial querencia a un sistema xudicial reorganizativo, que principalmente devolve ás e aos ninguéns ao seu importante papel na nada, e que protexe a quen ten todo para que todo o conserve, é a espontánea creación estes días dun exército de abnegados cidadáns e cidadás entregadas á idea de que a folga do persoal da xustiza galega é a causa de todos os seus males. Cos atrasos de rigor na dispensación de xustiza que chegan aos 2 anos no social (laboral), e por veces superan os 7 anos no penal, á agarda dunha sentenza que revirta situacións dramáticas, deciden de sócato converterse en cidadás activas e, comprando o peixe podre que o Partido Popular nos vende dende os seus xornais e medios, atribúenlle a 19 días de digna loita do persoal da xustiza galega (27 se contamos os descansos de fin de semana) toda a responsabilidade do seu padecemento.

…a espontánea creación estes días dun exército de abnegados cidadáns e cidadás entregadas á idea de que a folga do persoal da xustiza galega é a causa de todos os seus males. Cos atrasos de rigor na dispensación de xustiza que chegan aos 2 anos no social (laboral), e por veces superan os 7 anos no penal, á agarda dunha sentenza que revirta situacións dramáticas, deciden de sócato converterse en cidadás activas e, comprando o peixe podre que o Partido Popular nos vende…

Unha esquirolaxe cidadá ao uso, sen vontade ningunha de comprender a realidade, de procurar as causas e con présa por lle morder a orella ás traballadoras e traballadores que teñen á beira. O máis esperpéntico é que moitas avogadas, procuradores e xuízas, gremios que se caracterizan (nos caracterizamos) pola súa tolerancia aos atrasos xudiciais, e que malamente organizaron algunha iniciativa que fose máis alá de patexadas simbólicas contra esta dura realidade para a cidadanía, se veñan agora anotar ao pelotón de fusilamento que propiamente vén ser un pelotón de suicidio, ao máis puro estilo Monty Phyton.

O máis esperpéntico é que moitas avogadas, procuradores e xuízas, gremios que se caracterizan (nos caracterizamos) pola súa tolerancia aos atrasos xudiciais, e que malamente organizaron algunha iniciativa que fose máis alá de patexadas simbólicas contra esta dura realidade para a cidadanía, se veñan agora anotar ao pelotón de fusilamento…

Curiosamente, cando en decembro do 2015 foron as propias traballadoras e traballadores da Xustiza as que se viron na obriga de convocar paros para esixir medios humanos e materiais para os Xulgados especializados en Violencia de Xénero, fartas de vivir as situacións dramáticas das usuarias sen ferramentas, veu instaurarse un silencio acomodaticio onde se se esperaba a alguén, é claro é que non estaba.

Se algo de xustiza lle resta á administración de xustiza é o actual desafío das traballadoras e traballadores da administración pública galega á omertá ou lei do silencio. Ao primeiro porque nesta especie de impase que vive o movemento obreiro sustentar unha folga de 19/27 días (e seguimos contando) volve darnos algunha esperanza de recuperación da cultura da mobilización para a conquista de dereitos. Despois tamén porque fronte ás dinámicas de desorganización sindical nunha administración pública que se autodestrúe e devora conquistas, a xustiza galega veu facerse cargo do seu propio futuro e tomou as rendas da súa realidade concreta. E finalmente, porque é obvio que este colectivo de traballadoras e traballadores está a poñer moi nervioso a Mr. Feijóo, que leva uns días facendo unha pésima xestión pública do conflito, algo propio dun goberno acorralado. Estou no convencemento de que en Monte Pío (ou na habitación de calquera Hotel 5*) non houbo flocos de millo para o estreo de Fariña.

…nesta especie de impase que vive o movemento obreiro sustentar unha folga de 19/27 días (e seguimos contando) volve darnos algunha esperanza de recuperación da cultura da mobilización para a conquista de dereitos…

Case que animo, finalmente, a esa cidadanía e a eses sectores do campo da xustiza máis inquedos do que solidarios a facer algo, a organizar tanta rabia, a expresala e dirixila de maneira eficiente. Convídoos e convídoas a que lle dean unha pitada no 981.182.057 ao Maxistrado Miguel Ángel Cadenas, presidente da Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, ou se carteen con el na sede de Praza de Galiza s/n, do Concello da Coruña (15004), instándoo a que esixa a contratación de persoal polo ben do servizo público de xustiza; convocándoo a fulminar os atrasos xudiciais como se fai nunha administración de ben que non é con titulares e entrevistas, senón poñendo máis traballadores e traballadoras á frente dos Xulgados e creando novas unidades que rematen co colapso xudicial.

Ou senón a que no 981.54.62.17 ou a través de escrito dirixido á Rúa Madrid, 2-4, 2º andar, de Fontiñas (15781) lle demanden a Juan José Martín Álvarez, o noso Director Xeral de Xustiza, que cese as hostilidades. Que cumpra coa súa función de servizo público e que, man a man co missing vicepresidente Rueda, poña en marcha as adecuacións necesarias para dispensarlle un trato igualitario ás traballadoras e traballadores públicos da xustiza galega, historicamente discriminados fronte ao resto da administración do estado. Así é como se lle pon fin a esta folga.

Iso si, para a cidadanía activa e solidaria, que non é moita e si moitísima, e para as miñas compañeiras e compañeiros da avogacía ou doutros sectores do dereito que acudimos aos xulgados día a día cun sorriso e con folgos para as traballadoras e traballadores en folga, unha cálida aperta e un chamado a seguir transitando deste xeito os edificios xudiciais. Con esa paixón das e dos que sabemos que as traballadoras e traballadores da administración galega de xustiza van vencer. Sentíndonos orgullosas e orgullosos de poder vivir en directo, coas folguistas e cos folguistas, tal lección de dignidade.