España, unha e fascista

232

Recibimos con rabia, indignación e estupor a sentenza que hoxe condenou os compañeiros e compañeiras que intentaron exercer o dereito a decidir en Catalunya. Unha vez máis o estado español demostra que nin é democrático nin respecta a separación de poderes; continúa á sombra do estado fascista e franquista que gobernou durante corenta anos.

Agárdanos unha longa noite de pedra, pero xa sabemos con claridade que non haberá neste estado español nin unha soa posibilidade de entendemento con quen o goberna. Para nós só quedan as rúas e a resistencia civil

A farsa da monarquía parlamentaria e do seu xogo cos partidos chamados democráticos ou constitucionalistas non deixa máis que unha saída para as que entendemos a liberdade coma un compromiso, para as que entendemos que a defensa da clase traballadora é a nosa bandeira e o noso horizonte. Agárdanos unha longa noite de pedra, pero xa sabemos con claridade que non haberá neste estado español nin unha soa posibilidade de entendemento con quen o goberna. Para nós só quedan as rúas e a resistencia civil, só queda exercer a forza que teñamos para defender os nosos dereitos, porque do contrario seremos sometidos e sometidas e a nosa liberdade de expresión quedará soterrada.

Nesta situación non valen medias tintas nin equidistancias. A única posibilidade que queda é a confrontación, porque acaban de situarnos nun escenario de trincheiras: dun lado, os que defenden o fascismo e a unidade sagrada do imperio español, e do outro, as que defendemos o dereito a decidir e os dereitos para a clase traballadora.

Unha vez máis desde a CUT manifestamos a nosa solidariedade cos compañeiros e compañeiras agora reprimidas, porque nós estamos neles e nelas e a súa condena aféctanos a todas. Adiante, porque só nas rúas e coa forza poderemos respostar á violencia e á negacións dos nosos dereitos neste estado fascista.