Durante este curso e por primeira vez na súa vida política, o señor Feijóo foi quen de reforzar un servizo público con máis persoal. Ata que non houbo unha catástrofe mundial non viu a necesidade de fornecer con máis profesorado o ensino público. Estreouse en non recortar, parabéns presidente!
Pese a todas as perdas que está supoñendo a pandemia na calidade do ensino (confinamentos, perda de aulas específicas e espazos colectivos, etc.), unha cousa boa podemos sacar: menos alumnado por aula e máis profesorado.
Mais esta boa nova ten os días contados. O comando antitabiques xa está a actuar nos centros de ensino. Ante a previsible falta de vacinación do alumnado en setembro, a marabillosa idea da Xunta é facer macroclases onde poder meter todo o alumnado posible mantendo as distancias. Semella que haberá que dar as aulas con altofalante e o alumnado deberá traer os prismáticos.
Un gasto en tirar tabiques que non se amortizará nunca, despois haberá que volver ao que había. Mais calquera solución é válida antes que reforzar un servizo básico como é a educación. Este ano acostumáronnos mal, non vaia ser que pensemos que pode existir un ensino público de calidade na nosa terra.
Temos a oportunidade de facer cumprir o que é unha reivindicación histórica: reducir alumnado e aumentar profesorado. O que nos trouxo a COVID de positivo ten que quedar, debemos comezar a defender esta mellora no ensino que tanto ben pode facer ao alumnado e ás familias, unha atención máis personalizada e maior dispoñibilidade do profesorado para cada alumna/o. Por fin unha mellora no ensino tras décadas de recortes e atrancos por parte da administración.
DEFENDAMOS OS POSTOS DE TRABALLO! DEFENDAMOS A CALIDADE NO ENSINO! MÁIS PROFES E MENOS RATIO!