ERTE en Stellantis: unha ferramenta para a precarización das traballadoras

77

A dirección de Stellantis solicitou este ano 2025 un novo ERE e ERTE. Como se fose o pan de cada día… Falamos dunha empresa que en anos anteriores obtivo beneficios millonarios, mentres que agora intenta xustificar unha suposta baixada de vendas e de beneficios para seguir afondando en recortes e flexibilidade laboral.

“A dirección da empresa está a utilizar estas figuras como unha ferramenta de flexibilidade e de destrución de emprego, no lugar de buscar alternativas reais para a estabilidade laboral.”

O uso do ERE e ERTE debería ser unha medida excepcional, destinada a momentos de verdadeira necesidade. Sen embargo, a dirección da empresa está a utilizar estas figuras como unha ferramenta de flexibilidade e de destrución de emprego, no lugar de buscar alternativas reais para a estabilidade laboral.

Non podemos permitir que a empresa se escude tras estas medidas para xustificar a súa avaricia e a súa falta de compromiso co benestar das persoas traballadoras e da sociedade en xeral. Procedería quizais facer unha análise máis profunda do motivo que leva a que moitas persoas traballadoras con idades que non están próximas a xubilación opten por abandonar o centro. É inaceptable asinar un ERE_ERTE cando se permite e obriga a traballar as persoas traballadoras 6 días sobre 7, como este vindeiro sábado e a sexta xornada na quenda de noite.

Queda de manifesto que a empresa pretende utilizar o ERTE como unha forma de xestión de recursos humanos. Isto non só afecta á calidade de vida das persoas traballadoras, senón que tamén contribúe a un ambiente laboral tóxico. Máis aínda, a alta rotación de persoal eventual e os días de parada que experimentamos son un claro exemplo de como a dirección está a xogar coas nosas condicións laborais, sen pensar nas consecuencias que ten para a nosa saúde e conciliación familiar.

“Na CUT denunciamos que, ao utilizar o ERE e ERTE como un mecanismo para aumentar os beneficios, a empresa está a cargar sobre o erario público o custo das súas decisións.”

Na CUT denunciamos que, ao utilizar o ERE e ERTE como un mecanismo para aumentar os beneficios, a empresa está a cargar sobre o erario público o custo das súas decisións. Os fondos públicos non deben ser empregados para subsidiar os beneficios empresariais, especialmente cando estamos a falar de unha compañía que ten demostrados ingresos millonarios. Este comportamento é non só antiético, senón que tamén é un ataque directo aos dereitos laborais e á dignidade das persoas traballadoras.