ERE encuberto en Panrico-Compostela

51

  Nos últimos días o Comité de Empresa de Panrico tivo coñecemento dos plans da empresa para despedir a 23 traballadores/as, nunha clara vulneración da lexislación laboral vixente. A empresa xa se puxo en contacto con parte destes traballadores para tratar de que marcharan por vontade propia, alegando con mentiras, manipulación e clara premeditación, que "deste xeito cobrarían unha indemnización de 45 días por ano traballado, e que, de non aceptar, a empresa Panrico tramitaría un E.R.E. e os despediría igualmente, neste caso correspondéndolles tan só 20 días por ano traballado de indemnización (sempre cun máximo de 12 mensualidades)". Así tamén, a empresa Panrico xa se puxo en contacto co comité de empresa para que se lle dese o visto e prace a esta operación ilegal. Amparándose supostamente no artigo 42 do convenio colectivo. Ante todo este cúmulo de falsidades a CUT manifesta que: – PRIMEIRO: O despedimento afecta a máis do 10% do cadro da empresa, polo cal, trataríase dun despedimento de carácter colectivo, debendo tramitarse seguindo as canles legais, quer dicir que: o primeiro paso sería a comunicación á autoridade laboral, contando coa presentación dunha memoria explicativa e xustificativa para a presentación do E.R.E. Así tamén, se incluirá o número de traballadores da empresa e mailos afectados polo E.R.E., así como o período de duración na extinción dos contratos. Neste caso concreto, ó ter a empresa máis de 50 traballadores, terase que acompañar a memoria dun plan de acompañamento social, para aminorar os efectos do E.R.E. – SEGUNDO: O artigo 42 do convenio só é válido para a amortización de postos, non para o caso de despedimentos. Non é o mesmo amortizar unha praza (que conleva a modificación da plantilla estrutural) que o despedimento colectivo (E.R.E.) no que se deben seguir os pasos dispostos na lexislación laboral. Non seguilos conlevaría a nulidade dos despedimentos por fraude de lei. O que todos sabemos é que ningunha empresa dá duros a catro pesetas, e menos unha empresa coas dimensións de Panrico. A estratexia da empresa é clara, ó non seguir as canles legais na tramitación do E.R.E., pretende despedir ós traballadores que se lle antollen, con nomes e apelidos, elaborando para o efecto “listas negras” de traballadores a despedir. No caso de tramitar un E.R.E. tería que xustificar a súa necesidade con datos reais, e cun estudo serio e rigoroso, xa que ás autoridades laborais non lles vale coa intención da empresa senón verdadeiras necesidades, e minimizando os efectos do E.R.E. nos traballadores da empresa. Se Panrico, a estas alturas, non presentou un E.R.E. é porque non pode defender a necesidade do mesmo, non vai pagar 45 días cando pode pagar só 20.