Entrevista a Vítor Mariño, responsable de CUT-Citroën

381

Vítor Mariño é o responsable da reconstituída Sección Sindical da CUT en Citroën. Na entrevista que reproducimos máis abaixo expón os seus puntos de vista sobre a situación laboral na maior fábrica do noso páis, o adormecemento dos traballadores, así como os obxectivos da Sección Sindical da CUT a medio prazo.Como describirías a situación actual a nivel laboral na empresa?
A situación actual dos traballadores/as de Citroën, é dun total estado de decadencia, diría case dun coma irreversible. Estamos inmersos nun proceso de sono profundo total e absoluto por parte da clase traballadora, inducido polo adoutrinamento da empresa, axudada polos seus cómplices que nunca faltan. Social e laboralmente o que estamos sufrindo na actualidade está mermando a nosa capacidade organizativa de clase neste centro de traballo. A prensa escrita, a televisión, a radio, así como a propia empresa como ben dicía antes, axudan a que os traballadores/as nos contentemos simplemente con ter un traballo, renunciando incluso a dereitos históricos, axudada polos cantos de serea dos seus cómplices que incitan a entrar nese sono profundo, evitando posibles alternativas de organización, ou incluso perseguíndoas.
Desde cando existe esta situación que vés de describir?
Este mal non ten o seu inicio nesta crise, o único que fixo a crise foi acrecentar aínda mais o seu estado de letargo. Os dereitos básicos como a libre sindicación, a tutela xudicial efectiva, o poder organizarnos como traballadores/as, o dereito a folga, parece que son dereitos que quedaron no olvido, e que dende os poderes públicos e fácticos se están perseguindo, e casos temos dabondo como o dos dous traballadores condenados á cadea por participaren nun piquete informativo. A última reforma laboral golpeounos con virulencia e deixou a clase traballadora ferida de morte, e no sector do automóbil acrecentouse aínda mais polo que representa no noso pequeno país, igual que no resto dos sectores. Isto parece unha carreira haber quen se baixa máis o salario, quen renuncia a máis dereitos por seguir sendo competitivos, o discurso da patronal cala na clase traballadora, e a miña pregunta é ata onde están dispostos a baixar o listón os traballadores/as?. Diferentes escalas salariais entre os mesmos traballadores/as, categorías de entrada con menos salarios e dereitos, incrementos de xornada, e un longo etc.. O tan famoso Toyotismo que tanto se nomea neste centro de traballo, a quen beneficia senón a patronal. Exercer a competencia non só entre as marcas de automóbiles, senón entre a propia marca e fabricas do grupo, entre os propios traballadores/as, e con iso evitar que sexan capaces de organizarse, que compitan entre eles. Foron quen de inxectar as súas inquedanzas e maneiras de traballar, e pola contra os sindicatos con presenza no Comité actuais non foron capaces de encontrar un antídoto, non sei se por ignorancia, o por deixadez, ou por conivencia cos intereses da empresa. Ante situación de partida, que pode facer a Sección Sindical da CUT en Citroën?
Só dende a organización de clase os/as traballadores/as seremos os únicos que podemos poñerlle freo a esta sangría. Por iso nace a Sección Sindical da CUT en Citroën. A Sección Sindical da CUT en Citroën, nace como unha alternativa real o sindicalismo que actualmente se practica neste centro de traballo polas demais centrais sindicais con presenza no Comité (UGT,CIG,CC.OO, SIT-FSI), nacemos sen hipotecas, sen préstamos, sen lastre, sen xuros……somos unha Sección Sindical que só se nutre, igual ca nosa Central Sindical a nivel do pais, das cotas dos/as nosos/as afiliados/as. Non temos subvencións de ningún tipo, e iso axuda a que teñamos unha total independencia sindical. Os/as afiliados/as colaboran solidariamente nos proxectos que estamos a levar a cabo, de feito na Asemblea Xeral de Afiliados/as celebrada a pasado fin de semana, entre outras cousas, puxemos varios puntos en común, puntos que coincidían ca perspectiva sindical que tiñan os responsables tanto da comarca da CUT, así como da Nacional representada polo noso Secretario Xeral Manolo Caamaño. Só dende a solidariedade de todos/as, a organización e capacidade mobilizadora, seremos capaces de cando menos facerlle fronte as inxustizas que se están cometendo. Que representa, desde o teu punto de vista, o proxecto da CUT en Citroën e que obxectivos tedes marcados? 
Entendemos a necesidade de traballar neste proxecto como unha carreira de fondo, xa que entendiamos que era necesario un cambio, pero tiñamos que voltar “A ORIXE” do sindicalismo neste centro de traballo. Temos un longo camiño por percorrer, pero un moi corto para darnos a coñecer o conxunto dos/as traballadores/as cara ás vindeiras Eleccións Sindicais no noso centro de traballo no mes de Outubro deste ano. Temos que ser capaces de facer espertar do seu aletargamento os/as traballadores/as desta fábrica, dándolles algo real no que crer, unha alternativa de clase que traballe por, e para os traballadores/as. Na nosa Asemblea as mesas estaban todas a mesma altura, non había mesa presidencial, ninguén estaba por enriba de ninguén.Todos e todas aínda que de diferentes pensamentos, confluímos nun proxecto común que é a CUT, e entre todos/as decidiremos que rumbo colle, e estaremos por, e para o servizo da clase traballadora neste centro de traballo. As decisións tomaranse en Asembleas abertas por todos/as os/as traballadores/as, serán no seu conxunto quen decidan o seu futuro. Concluíamos creando grupos de traballo con todos/as os/as afiliados/as, para que entre todos/as sexamos capaces de dar unha alternativa real, e de clase os/as traballadores/as. Uns traballadores/as que necesitan voltar a ter confianza nun sindicato que de verdade defenda os seus interes, e non outros alleos ao da clase traballadora.  Este proxecto aínda que eu sexa o cabeza visible, entendo que non debe ter so un nome e apelidos, senón o de todos/as que conformamos a Sección Sindical da CUT. Entre todos/as somos os que temos que darlle cor a este proxecto ilusiónante cando menos. FORZA E ADIANTE.