Fran Currás foi elixido secretario comarcal da CUT no Morrazo na asemblea celebrada en Cangas o pasado 23 de xaneiro. A seguir falamos con el sobre os retos máis importantes que deberá enfrontar o noso sindicato nos vindeiros anos.
Que valoración fas do actual contexto socio-económico desde a túa militancia na clase obreira galega organizada?Do meu punto de vista a situación actual é dramática. Estamos a asistir, coa escusa da crise, a un retroceso sen precedentes tanto no plano de dereitos laborais e sociais como no político e liberdades públicas que nos conducen as e os traballadores a ser os novos escravos sen ningún tipo de dereitos do século XXI.Mais o dramático non é só que esteamos nesta situación, senón que as e os traballadores non saiamos do estado de shock no que parecemos estar somerxidos e non sexamos capaces de reaxir e dar unha resposta contundente que faga virar a tortilla de lado.Aumentas o teu compromiso coa loita obreira no momento de maior virulencia da ofensiva do Capital e do Estado español contra a clase obreira galega, como pensas que debemos organizar desde a CUT a nosa resposta?Os milleiros de traballadoras e traballadores en situación de desemprego e o medo daquelas e daqueles que aínda teñen traballo fan que facer sindicalismo nas empresas se torne cada día máis complicado. Esta situación esíxelle ao noso sindicato procurar novas fórmulas de actuación que, como no caso do conflito de Antonio Alonso, sirvan para lle dar solución a problemáticas concretas e vaian poñendo novos chanzos na escaleira para tomar por asalto o ceo.Neste sentido, o labor do sindicato debe ser o de acumular forzas, buscando alianzas puntuais ou estábeis no tempo, con outras forzas sindicais e movementos sociais que permitan avanzar na tarefa de concienciación e mobilización da clase traballadora.A ofensiva do Capital dirixida polo gobernos nacional-católico do eixo Rajoy-Feijoo atinxe tamén outros aspectos que van máis alá do meramente laboral-económico, como son os dereitos da muller e a nosa propia supervivencia nacional como pobo diferenciado, ao teu xuízo, que papel debe xogar un sindicato como a CUT ante estes desafíos?Alén dunha crise económica, no estado español tamén estamos a vivir unha crise do réxime saído da transición, que cuestiona tanto a forma como a estrutura territorial do estado, ante a cal o Partido Popular está a lanzar unha ofensiva reaccionaria e recentralizadora que ten por obxectivo manter o sistema de produción capitalista, onde tanto xéneros como territorios teñen asignados historicamente determinados roles.O noso sindicato non pode ser alleo a todo este debate e ten que contribuir, desde a nosa posición de sindicato nacional, antipatriarcal e de clase, á ruptura do réxime nado da II restauración borbónica co obxectivo de acadarmos a independencia e o socialismo na nosa nación.