Entrevista a Cristina Blanco, secretaria comarcal da CUT en Vigo

277

A compañeira Cristina Blanco, traballadora na hostalaria, e activista comprometida no ámbito da loita feminista, o asociacionisno veciñal e as organizacións obreiras, foi escollida o pasado 29 de novembro, nova secretaria comarcal da CUT en Vigo.

O resto de membros da executiva son Manuel Iglesias, Roi Rodríguez, Encarnación Martínez, Xemma Novelle, Andrés Rivera, Antonio Sierra, Eva Pallas, Luís Bar e Gonzalo Gil.
Que valoración facedes da situación actual desde o punto de vista da clase obreira galega?
Como traballadora non podería facela desde outra perspectiva. Unha valoración negativa, por suposto. .A situación socio/laboral da comarca é unha situación de emerxencia. O desmantelamento dos sectores produtivos autóctonos, a precarización dos salarios e dos contratos, a continua destrución de emprego…Esta barbarie laboral acompañada dunhas medidas, por parte das administracións, de recorte drástico nas axudas e dereitos sociais , leva a miles de familias a non ter cubertas as necesidades básicas para unha vida digna, o que non facilita a resposta social axeitada a estas agresións. Con este sistema capitalista no que tentamos sobrevivir, non temos nin teremos saídas.

Aumentades aínda máis o voso compromiso coa loita obreira no momento de maior violencia de ofensiva do Capital e do Estado contra a clase obreira, como pensades vós que podemos organizar a nosa resposta?
Creo que na pregunta está a resposta, aumentando o compromiso. Si algo sabemos na CUT e que so organizadas e cos obxectivos claros, podemos obter pequenas vitorias que contaxien a contestación á clase traballadora.Desde a dirección nacional á base afiliativa, pasando polas delegadas e delegados, máis que nunca temos que afianzar o noso discurso de clase nas fábricas, nas rúas en todos os ámbitos sociais nos que convivimos. Todas e todos somos precisas para mudar a realidade, non queda outra, que por o corpo nas loitas, so hai unha saída: ou eles ou nos. A recente descoberta dun caso de corrupción masiva en UGT vén a constatar o que xa sabiamos: a podremia xeral das cúpulas das organizacións sindicais sistémicas. Ante esta evidencia, pensades que un sindicato de clase e non subvencionado coma o noso ten unha boa perspectiva para medrar? En tal caso, como poderiamos acadalo?
Medrar cuantitativamente o cualitativamente precisa dun traballo pedagóxico grande. Temos que romper cos prexuízos e a idea xeralizada do que é un sindicato. Son moitos anos asociando o sindicalismo a certas siglas que deostaron coa súa praxe a necesidade da organización obreira. A CUT ten que visibilizar e partillar o seu posicionamento en todas as loitas político/sociais. Non sempre acadaremos os éxitos necesarios máis non poderíamos facelo doutra maneira pois nos si temos conciencia e sabemos de que lado estamos. O movemento obreiro acadará a emancipación cando perdamos o medo e valoremos que so dependemos de nos mesmas para mudar o sistema.
A lei contra o aborto de Gallardón amosa unha conxunción macabra entre os intereses do Capital neoliberal e a Igrexa Católica, ante esta regresión nos dereitos das mulleres a decidiren sobre o seu propio futuro, que papel debe ter o noso sindicato?
A lei do aborto, a lomce, o taxazo, o medicamentazo, os recortes nos centros de maiores e garderías, a reforma de pensións, todas as loitas vencelladas á clase traballadora son as loitas do noso sindicato. En Galiza créanse plataformas xunto con outros sindicatos, partidos e movementos sociais, nas que a cut ten que participar e pular pola unidade de resposta do tecido de esquerda nacionalista deste País. Non vexo outra maneira de acadar a tan desexada revolución do proletariado.