Titorial CADP
(Máis información na ORDEN de 7 de xuño de 2018 )
Antes de nada aclarar que se xa presentaches o CADP o ano pasado e non queres modificar nada, non debes volver a presentar unha nova solicitude.
No caso de non ter un destino definitivo e queiras pedir unha comisión de servizo deberás presentar dúas solicitudes:
- A primeira no prazo que se abra para as solicitudes de comisións de servizo.
- A segunda no prazo ordinario (sempre e cando queiras modificar a solicitude presentada o ano anterior ou sexa a primeira vez que participas no CADP).
No caso de ter un destino definitivo tan só deberás presentar a primeira solicitude antes indicada.
Como cubrir o CADP
Deberás escribir na barra de direccións do teu navegador www.edu.xunta.gal/cadp. Unha vez na páxina deberás ingresar na aplicación pinchando no botón verde da esquina superior dereita utilizando o teu nome de usuario e contrasinal de edu.xunta.gal ou o teu certificado electrónico ou Chave365 se nunca traballaches e consolidaches por renuncia xustificada ou redución de zona/provincia.
Na aplicación iremos a solicitudes. Aquí aparecerán tan só as solicitudes creadas no presente ano, non as anteriores (estas estarán dispoñibles na carpeta cidadá da chave365).
Deberemos crear unha solicitude por cada unha das especialidades polas que queiramos participar. O persoal interino e substituto estará obrigado a efectuar, como mínimo, unha solicitude por un dos corpos nos que consolidase. De non facelo, decaerá dos seus dereitos en todas as listas. Durante o prazo de reclamacións logo da adxudicación provisional, poderá renunciar tamén a todas as listas menos a unha de forma non xustificada, dando opción a optar a diferentes listas en función da adxudicación, xa que se adxudican as vacantes ordenando as especialidades por número de código dentro do corpo.
Se estamos en varias listas de diferentes especialidades poderemos renunciar á unha vacante concedida na resolución provisional do CADP e quedarnos coa vacante da especialidade que prefiramos.
Na solicitude aparecerán os nosos datos persoais e as peticións que desexamos realizar. Na primeira lapela, xunto aos datos persoais, poderemos escoller as afíns que consideramos que podemos impartir. Tamén podemos ordenar as provincias segundo a nosa preferencia, só e exclusivamente, no caso de que queiramos que, de non obter destino de entre as nosas peticións, se nos asigne un centro dos restantes da provincia na orde na que figuran nos anexos. Podemos poñer todas as provincias, na orde que queiramos, tan só algunha ou ningunha. No caso de non poñer ningunha tan só optaremos ás vacantes das peticións por centros ou localidades. O persoal docente e interino que formule petición por provincia ou provincias, enténdese que solicita prazas itinerantes e con afíns excepto que exprese o contrario na solicitude.
Na lapela de peticións indicaremos por orde os destinos que solicitamos. As peticións poderán realizarse por centro ou localidade indicando o código que corresponda e que podemos consultar nos anexos aos que podemos acceder no menú da esquerda. Indicando a localidade incluímos todos os centros da localidade nos que teña docencia a especialidade pola que concursamos, na orde que figura no anexo correspondente.
Unha vez presentada unha solicitude, as peticións que aparecerán por defecto serán as últimas indicadas. É dicir, as peticións de centros quedarán gardadas para futuras solicitudes, podéndoas modificar ou non.
No caso de ter sido habilitados nalgún idioma estranxeiro podemos optar a vacantes bilingües, para o que deberemos duplicar a petición: unha marcada coa opción de idioma e outra sen marcala (esta última se queremos tamén pedir a vacante sen opción bilingüe).
Tamén podemos marcar se queremos que se nos asignen vacantes con afíns (as indicadas na primeira lapela por nós) ou itinerantes. Neste caso é unha única solicitude e en todo caso adxudicarán primeiro as prazas que haxa sen afíns ou itinerantes que con elas.
Cando teñamos cuberta a solicitude a finalizaremos e será enviada á nosa sede electrónica da chave 365 para a súa presentación. De non realizar este último paso de presentación na sede electrónica da Xunta, a solicitude considerarase non entregada.
As comisións de servizo
Nalgúns supostos poderemos optar a unha vacante en comisión de servizo. As máis importantes son por temas de saúde (propia ou dun familiar) e as concilias (no caso de coidado de menores).
Hai unha xerarquía á hora de asignar as vacantes. Debemos de ter en conta que primeiro serán asignadas as vacantes ao persoal funcionario de carreira e posteriormente ao persoal funcionario interino.
As comisións de servizo por saúde teñen prioridade sobre as concilias. Nas comisión de saúde teñen prioridade as concedidas pola situación persoal do propio docente sobre as concedidas pola situación dun familiar. A idade dos fillos ou fillas computarse a 31 de decembro do ano anterior ao que se efectúa a solicitude.
As concilias poden ser:
- De tipo I: ata que a filla ou fillo teña 4 anos, oito anos no caso de núcleo familiar composto por un proxenitor ou proxenitora. Tamén pódese pedir cando exista embarazo e o parto sexa con anterioridade ao mes de marzo do curso para o que se pide a concilia.
- De tipo II: ter dous fillos ou fillas menores de seis anos, 10 anos no caso de núcleo familiar composto por un proxenitor ou proxenitora.
- De tipo III: ter tres fillos ou fillas menores de doce anos, 16 anos no caso de núcleo familiar composto por un proxenitor ou proxenitora.
Para o persoal funcionario interino a petición dunha comisión de servizo, aínda que esta sexa concedida, non significa o acceso a unha vacante, tan só no caso de que as vacantes sexan as suficientes ata chegar ao posto no que se encontra na lista de substitución. En caso contrario a comisión é concedida, pero non unha vacante.