Mércores, Decembro 4, 2024

A USDG mantivo un acordo de colaboración mutua coa Central Unitaria de Traballadoras da Galiza, CUT dende abril de 2019 ata a súa disolución e incorporación do seu profesorado na central obreira galega.

A valoración do devandito acordo foi moi positiva, no que as nosas posicións foron tratadas e analizadas coma unha área máis da propia CUT. No mesmo sentido, a axuda e defensa da USDG por parte da Central foi sempre encomiable e, a destacar, a extraordinaria harmonía entre ambas organizacións.

Durante o acordo, e xa dende 2018, temos asistido a diversas mobilizacións co apoio da CUT e contamos coa axuda constante da asesoría xurídica de Compostela tanto a nivel interno, como no ámbito estritamente xurídico.

Mantivemos reunións nas que se ofreceu axuda en tódolos niveis á nosa organización, sendo a única organización sindical que ten amosado o seu apoio pleno e aberto ao persoal precario das administracións públicas do ensino galego.

O andar dos tempos levounos cara unha progresiva integración coa Central Sindical, en aras de abandonar a sectorialidade e incluírnos nun sindicato de clase e xeralista, no que o ensino público non é senón unha peza fundamental a preservar e fomentar como arma da loita da clase traballadora.

Segundo o recollido nos nosos principios ideolóxicos e en conformidade cos mesmos, máis concretamente cos principios de clase, unidade, pluralismo e defensa dos servizos públicos, defendemos o paso da USDG ás estruturas da Central Unitaria de Traballadores (CUT), a teor dos positivo resultados da colaboración emprendida.

Entendemos que un sindicato que agrupe persoas dunha única profesión é un atranco para a consecución dos nosos fins e un límite para as nosas aspiracións de acadar unha maior xustiza social.

Os nosos medios humanos, materiais e financeiros serán maiores que os actuais a nivel organizativo e de acción sindical. Deste xeito, seremos quen de artellar un espazo sindical forte, un espazo que non existe e que é moi necesario: un sindicato que non lle debe nada a ninguén (nin cartos, nin obediencia política) e que está disposto a pelexar polos dereitos do persoal definitivo e temporal, sen privilexiar os dereitos dun colectivo por riba do outro.

A CUT é un sindicato cunha presenza crecente na Función Pública e con experiencia na loita contra a Administración e na defensa dos intereses das/os traballadoras/es. Ten percorrido un longo camiño nos últimos 21 anos e conta con numerosas/os delegadas/os nas Mesas Sectoriais de diversas administracións públicas e Comités de Empresa da Xunta.

Por todo isto concluímos que para a defensa do ensino galego e dos seus traballadores en condicións de igualdade entre eles e co resto da clase obreira, o noso lugar está na Central Unitaria de Traballadoras.

Visita a nosa antiga web: UNIÓN SINDICAL DE DOCENTES DE GALICIA