Dende a CUT Ensino denunciamos as irregularidades detectadas no CADP 2025/26, un proceso que debería garantir igualdade de condicións pero que, unha vez máis, evidencia a falta de transparencia da administración.
Principais irregularidades
- Afíns “peculiares” e criterios pouco claros na xestión das vacantes: en varios centros ofertáronse prazas con afíns de especialidades sen relación directa coas ensinanzas impartidas, o que xerou incerteza sobre as condicións de acceso. Exemplos claros son o CIFP de Cantería (Poio), mesmo con prazas adxudicadas para impartir materias alleas como Hostalería ou Informática, e do corpo de Artes plásticas (que finalmente non se imparten polos adxudicatarios) e os Conservatorios, onde se eliminan prazas estruturais no CXT para logo reaparecer no CADP como temporais ou convertidas en cátedras sen unha explicación obxectiva.
- Chamamentos “selectivos” por especialidades: en departamentos con máis dunha especialidade convócase só por unha delas, limitando a continuidade do profesorado nas mesmas prazas.
- Vacantes fantasma e criterio economicista: hai prazas que os centros solicitan porque responden a necesidades reais, que non se cobren no CADP pero aparecen como interinidades para cubrir por persoas substitutas empezado o curso. Isto supón un aforro para a administración a costa de precarizar ao persoal, reducindo o número de días que se pagan polos mesmos postos de traballo.
Un problema de fondo: a lei de estabilidade
A lei de redución da temporalidade fixa que as vacantes só poden ser cubertas provisionalmente durante un máximo de tres anos. No caso de incumprirse este prazo, a administración pode verse sancionada e obrigada a indemnizar ao persoal afectado. No ensino, onde o profesorado interino cambia de destino cada curso, a aplicación resulta ambigua, pero o certo é que a Consellaría mantén prácticas opacas, ocultando prazas estruturais, o que aumentan a precariedade en lugar de avanzar cara á estabilidade.
A nosa reivindicación
- Que as vacantes e as súas afíns sexan públicas antes do CADP, para garantir igualdade real.
- Que se poña fin á manipulación das especialidades en beneficio de determinadas persoas.
- Que se convoquen as prazas estruturais no prazo legal, con procesos claros e transparentes.
- Que se adopten medidas reais de estabilidade para o persoal interino e temporal, recoñecendo o seu dereito a consolidar prazas estruturais e poñendo fin á precariedade prolongada.
Un ensino público de calidade precisa dun sistema de provisión de prazas xusto, transparente e en igualdade de condicións.












