Encontro do sindicalismo de clase en Xixón

174

Os días 10 e 11 de maio de 2023 a CUT asistiu xunto coa Intersindical Valenciana, IAC, LAB e CUT Aragón ao encontro Sindical organizado pola Corrente Sindical de Izquierdas (CSI) en Xixón.

O motivo principal deste encontro era dar o noso apoio máis sincero e fraternal ao compañeiro e secretario xeral da CSI de Asturias, Nacho Fuster, que recentemente sufriu unha agresión física na rúa. Esta agresión é o curio dunha campaña de desprestixio e insultos que sofre a CSI e Nacho Fuster polo feito de ser sindicalistas de clase e defender os dereitos da clase traballadora.

Como sindicatos comprometidos coa loita de clases e a defensa dos dereitos sociais rexeitamos estes feitos, que son propios da ultra-dereita máis reaccioanaria e que para nada entra dentro dos límites da crítica e construción social.

Este compromiso é firme e así o trasladamos á dirección e militancia da CSI asinando o cominicado emitido pola organización. Esta solidariedade non só é dos sindicatos participantes, senón que se sumaron outros que por motivos de axenda non puideron estar, como son o SAT, ESK e outras organizacións sociais.

Este encontro serviu tamén para traballar e organizar unha resposta común á situación social e económica do estado e que cada día afoga máis a clase traballadora. Dentro desta necesidade de organización e de resposta común, os sindicatos alternativos, de clase e comprometidos coa xustiza social acordamos unha folla de ruta común.

Esta resposta ten que ser organizada e traballada, polo que nos encomendamos a elaborar un decálogo onde se analice e se poñan de manifesto os novos retos da clase traballadora. Deste decálogo sairá a resposta común e organizada cara os territorios onde os sindicatos teremos que poñer en marcha as accións necesarias para logralas.

Adquirimos o compromiso de elaborar o decálogo nas seguintes semanas, para debatelo e buscar o maior número de adhesións sindicais posibles, para finalmente xuntarnos en Aragón para  redactar o documento final e poñer en marcha a resposta común.