ENCE debe pechar garantindo emprego

148

Logo da recente explosión da burbulla da celulosa –con evidentes repercusións nos sectores do transporte e forestal–, a pontevedresa ENCE vén de deseñar unha estratexia de redución de custos, que vai da apertura de negociacións para a venda a Altri ao encubrimento de despedimentos nun ERE para o que xa hai inicio de negociacións: o 20 de novembro.

Pola súa banda, parte da representación sindical busca torcer o plan empresarial cunha convocatoria de folga intermitente que ameace con socavar o prestixio que a pasteira conquistou cun programa de financiación millonario de medios, institucións e asociacións na procura de xerar unha sensibilidade contra o peche, malia a maioritaria consciencia do modelo depredador da pasteira. Esta regalía levou ao continuo sobredimensionamento do valor produtivo dunha instalación de 282 operarios e operarias e un impacto irreversíbel sobre o medio.

“A folga semella un artificio na persistente unidade de acción que as centrais sindicais veñen mantendo coa Dirección da fábrica en defensa da permanencia da pasteira en Lourizán.”

A folga semella un artificio na persistente unidade de acción que as centrais sindicais veñen mantendo coa Dirección da fábrica en defensa da permanencia da pasteira en Lourizán. Os sucesivos Comités de Empresa caeron en todas as maquinacións da patronal pasteira á marxe de quen liderase o Comité, no que xa se pode considerar amarelismo sindical pro-celulosa.

Como exemplo histórico, a persecución polas rúas de Pontevedra — unha contundencia que, desafortunadamente, segue sen trasladarse a outros conflitos— contra a corporación municipal e a alcaldía, baixo o liderado da CIG, malia a evidente contradición socio-política; para acusar despois á Asociación pola Defensa da Ría (APDR) de provocación.

Porén, neste momento a representación sindical comeza a esfarelarse e a amosar a súa natureza, cunha escisión interna entre o Comité de Oficinas Centrais -que chama en representación directa da patronal a pausar o ánimo- e o Comité de fábrica -que parece decidido a defender coa folga o futuro de ENCE-.

Urxe que a estratexia sindical sexa outra. Urxe acabar coa ocupación da ría e da foresta galega pola patronal do espolio e as súas voceirías corruptas do PP que con Mariano Rajoy lle garantiron a continuidade.

“ENCE debe pechar e todos os esforzos deben dirixirse á continuidade do emprego nun marco económico e territorial máis coherente co interese xeral, garantindo traballadora a traballadora a inserción laboral en sectores produtivos alternativos.”

Dende o sindicalismo de clase debemos amosarnos firmes na defensa do futuro do país e ao dereito a unha vida digna para as xeracións que nos proseguen. Non cabe darlle saída económica ningunha a ENCE. ENCE debe pechar e todos os esforzos deben dirixirse á continuidade do emprego nun marco económico e territorial máis coherente co interese xeral, garantindo traballadora a traballadora a inserción laboral en sectores produtivos alternativos.

Secretariado Político da CUT