En INSA, filial de IBM, nace a sección sindical da CUT, cargada de ilusión e dignidade

75

Que non estira o elástico todo o que unha empresa desexa é obvio, mais o que satisfai é cando a goma rompe polo lado da dignidade. Neste caso, en INSA Ingeniería de Software SA, fincada no Parque Empresarial de Pereiro de Aguiar, acaba de se constituír a sección sindical da Central Unitaria de Traballadores/as (CUT), primeira sección sindical comunicada formalmente á empresa nun espazo tradicionalmente abandonado polas centrais sindicais como é o da produción de tecnoloxía en masa.

Os compañeiros e compañeiras que conforman esta sección decidiron poñerlle fin desta maneira a un histórico de incumprimentos en condicións salariais ou, máis ben, a un histórico de silencio. Esta mañá a CUT convocou á Dirección da empresa en Ourense a se sentar tanto para a presentación formal da Sección Sindical como para abordar de maneira conxunta estratexias conxuntas para a reparación dos diversos incumprimentos que foron detectados no centro.INSA, historia dunha empresaINSA, Ingeniería de Software SA naceu en 1991 como filial da multinacional IBM, e co obxecto do “deseño, desenvolvemente, xestión e explotación de sistemas, así como comercialización de produtos e servizos informáticos”, contando con 3500 persoas ao seu servizo. O centro de Ourense, onde radica o seu CENIT (Centro de Innovación Tecnolóxica) recibiu o apoio de Abanca (daquela Caixanova) e da Xunta de Galiza, iniciando os seus traballos no 2009. Pola súa vez a matriz IBM (International Business Machines Corp), con 104 anos de historia, adicada á produción de hardware e software resistiu a todas as crises financeiras do último século. Entre os seus destacados accionistas está Warren Buffet, a terceira fortuna do mundo, que dixo aquela famosa frase que non nos cansamos de repetir: “a guerra de clases existe, pero somos nós os ricos, os que estamos a gañala”.