Este pasado 1 de Maio a asemblea de Compostela da nosa central sindical viviu unha nova xornada de mobilización e convivencia en chave alternativa e combativa.Pouco máis tarde das 12:30, xunto ás compañeiras de CNT, Asemblea Aberta e Asembleas de Estudantes de Compostela, partía da Praza 8 de marzo a manifestación co lema “Na defensa das nosas vidas. Seguimos na loita”. Foron perto dun milleiro as persoas que acompañaron a nosa marcha, enchendo con multiplicidade de cores as rúas de Compostela, nunha protesta onde fomos sinalando todos os símbolos da opresión que sufrimos neste sistema económico en permanente e agudizada crise.Houbo espazo para denunciar a banca como acubillo para os verdadeiros ladróns, estafadores e criminais destes tempos. Reclamamos o cese inmediato da ofensiva machista ditada pola Conferencia Episcopal, así como a resposta das persoas migrantes ao empoderamento das políticas xenófobas, ben representada no infame Decreto de restrición dos servizos sanitarios.
Tamén chamamos á resposta activa fronte a privatización de servizos básicos, nomeadamente o ensino, por mor da vindeira folga xeral educativa convocada para o día 9 de Maio.No peche, os colectivos convocantes reflexionaron arredor do complexo momento que estamos a vivir, sinalando acertos e erros que nestes meses de loita nas rúas están a sucederse. Por parte da CUT, as compañeiras Mari Fidalgo e Brais González deron lectura a un texto colectivo celebrando a rebeldía das e dos presentes e chamando a incrementar a actividade militante en todos os eidos.A seguir, comezou a xornada de lecer. Primeiro, cun xantar e convivio no local da Asociación Itaca, seguido de teatro e música na Gentalha do Pichel.Desde a asemblea de Compostela da CUT transmitimos os nosos parabéns a todas as activistas envolvidas na organización e chamamos a dar continuidade e intensificar a loita nos vindeiros meses.