Empregadas públicas saen mañá ás rúas de Compostela contra a temporalidade na administración galega

83
Carta folga emprego público 18 xuño 2021

CUT, CNT, ASOCIATEM E PLATEGAL apoian en Galiza a folga contra a modificación do EBEP e pola consolidación das empregadas públicas en abuso de temporalidade

As empregadas públicas saen este venres, 18 de xuño, á rúa no marco da folga contra a temporalidade en toda a administración e organismos/entes públicos, rexistrada a nivel estatal por Confederación Intersindical, Co.bas, Solidaridad Obrera e SAS. Dita folga está apoiada en Galicia polos sindicatos CUT, CNT e STEG, así como por ASOCIATEM e PLATEGAL, agrupacións de defensa de dereitos dos temporais.

Farano cunha manifestación que partirá ás 19 h da Praza Roxa compostelá e percorrerá as rúas da capital galega para rematar o percorrido na Praza das Praterías.

Pretenden denunciar así o abuso da temporalidade e a precariedade na administración galega, con cotas de ata o 80% de temporais nalgúns organismos públicos, xunto a unha inminente reforma do EBEP (o icetazo) que, se nada o remedia, suporá aínda máis temporalidade e precariedade para as empregadas públicas, son o punto de inflexión que levou a esta mobilización na defensa do público.

O obxectivo da folga é reclamar a estabilidade das empregadas públicas en situación de temporalidade e interinidade abusiva, a través dunha lexislación que recolla a consolidación deste persoal dacordo co establecido polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea, que determinou que España abusa dos contratos sucesivos ao persoal interino e que as oposición libres non son unha sanción ao abuso.

As organizadoras chaman a todas as empregadas públicas e á cidadanía en xeral a participar na manifestación, que tamén estará apoiada pola CGT.