Esta mañá e por acordo da asemblea celebrada o pasado sábado, a CUT emprazou por escrito os sindicatos CIG, CCOO, UGT e USO, para manter con urxencia unha xuntanza que acorde a convocatoria dunha asemblea xeral de traballador@s do Grupo Pescanova. A continación, reproducimos dita comunicación.
Diante da situación que estamos a vivir no Grupo Pescanova, dende a Central Unitaria de Traballadores/as consideramos necesaria, hoxe con máis urxencia e motivo que nunca, unha xuntanza de todas as centrais sindicais con representación nos diferentes centros de traballo de Grupo, para unificar criterios en defensa dos dereitos d@s traballador@s.A gravidade da situación pola que atravesa o Grupo terá consecuencias directas na situación dos traballadores e traballadoras, sendo este o único motivo de preocupación que debe mover á representación sindical. Propomos pois unha xuntanza con urxencia e celeridade onde bosquexar un plan de acción conxunto, que o noso considerar, deberase expor nunha asemblea ante todos os traballadores e traballadoras. Consideramos que neste momentos son eles e elas os que deben de falar, deixando nun segundo plano as siglas sindicais e as declaracións que dende unha parte pretenden converterse nun todo.Calquera acción debe ser lexitimada por unha asemblea e debemos evitar os feitos consumados para que outros só poidan decidir se van ou non, reiteramos que non son momentos de protagonismos estériles.Así mesmo, dende a CUT adiantamos e seremos categóricos á hora de dicir que non imos participar en mobilización algunha que sirva de cortina de fume para lavar a cara de ninguén. Nesta situación hai responsábeis directos, e non son outros que aqueles que conforman o Consello de Dirección, sen salvar a ningún.A CUT non vai participar en apoios a estes cacos, nin irá da man dunha administración pública que é corresponsábel da situación creada e debe pedir contas dos cartos públicos, de todos e todas nós, investidos a fondo perdido neste Grupo. Non imos consentir que o seu papel se limite a ir detrás dunha pancarta para a que non teñen dignidade ou a poñer unha vela ao apóstolo.Trasladamos esta convocatoria a todas as centrais e propomos coma data o MÉRCORES DÍA 24 ÁS 18 HORAS DA TARDE NO LOCAL SINDICAL DA CUT. En calquera caso, sobra dicir que estamos abertos a manter dita xuntanza, a calquera outra hora e calquera outro lugar, sempre que se atenda urxencia plantexada.