“É racismo, non austeridade”. Debate, posta en común de ideas e proxectos, propostas colectivas e unha mobilización social o 27 de maio na Coruña, durante a VII Asemblea de Inmigración e Retorno.Baixo esta lenda celebrarase o domingo 27 de maio a Asemblea de Inmigración e Retorno que impulsa o Foro Galego de Inmigración onda a coruñesa Asociación Sen Papeis. Entre as 10:00 e as 17:30 horas, a Escola Municipal de Música da Coruña acollerá este foro de debate no que se dará a posta en común de proxectos, experiencias e propostas ao redor da autoorganización das traballadoras e traballadores inmigrantes dirixidas á procura de solucións colectivas ante o contexto de endurecemento das políticas migratorias e ante a tallada de dereitos ás persoas inmigrantes e a outros colectivos vulnerábeis procurando as vetas para construír un mellor sistema social.Ambos os dous colectivos denuncian que “a actual situación de crise económica se está a utilizar para alimentar discursos, actuacións e propostas de corte xenófobo que buscan dividir a sociedade” o que os leva a “abrir un espazo de reflexión, debate e intercambio de experiencias e saberes sobre temas de interese para o noso colectivo. Isto có fin de favorecer o fortalecemento e o desenvolvemento de solucións comúns nun contexto de crise social, política e económica”A Central Unitaria de Traballadores e Traballadoras participará das xornadas como entidade integrada no Foro Galego de Inmigración e tamén como iniciativa sindical adherida á defensa dos dereitos do colectivo traballador alén da súa orixe, nacionalidade ou pertenza. Ao fin da xornada, ás 18:00 horas, dende o Campo de Marte até o Obelisco, partirá unha mobilización social contra o racismo institucional. A organización dispoñibilizará un autobús dende a cidade de Compostela para o que veñen de abrir a inscripción en foroinmigracionsantiago@yahoo.es