“É O INTRE DA XENEROSIDADE SINDICAL”

73

As centrais sindicas CUT, CIG, CNT e CGT presentaron diante do rexistro da Consellería de Traballo esta mañá a papeleta de convocatoria de Folga Xeral Nacional para o vindeiro 29 de marzo, nun contexto no que Ricardo Castro, Secretario Xeral da Central Unitaria de Traballadores/as, chama á “xenerosidade sindical e á acumulación de forzas para crear un movemento social que impida a reforma laboral”.Na roda de prensa pública, as catro centrais sindicais intervintes coincidían na importancia da convocatoria inmediata dunha Folga Xeral, diante dunha reforma laboral que Suso Seixo, Secretario Xeral da CIG cualificou de “maior ataque dende a Transición”, e que en palabras de Ricardo Castro “é unha involución que nos devolve ao século XIX”. Pola súa banda, Rita Giráldez, representante da CNT, insistía en que este texto é especialmente agresivo “dende unha óptica de xénero, debido a que elimina grande parte dos dereitos de conciliación laboral e familiar”.Se ben as catro centrais sindicais coincidiron na necesidade de acumulación de forzas con CCOO e UGT, a mensaxe que o Secretario Xeral da CUT quixo enviar a estas dúas centrais foi de que “é o momento da dignidade e só hai dúas opcións, ou formar parte dos actuais movementos políticos e económicos ou poñerse da banda da clase traballadora”.A preocupación da CUT polo feito de estaren “aproveitando a crise para afondar no modelo de produción ultraliberal” rematou nun chamamento aberto á clase traballadora de facérmonos cargo de “que somos a maioría social, e non como queren convencernos minoría” e a “superar as discrepancias sindicais” co obxectivo de tombar a actual Reforma Laboral.