O pasado mes de decembro a Xunta de Galicia, baixo o paraugas da AXENCIA GALEGA DE SERVIZOS SOCIAIS (AGASS) e por iniciativa directa do seu responsable, sancionou a unha traballadora da ESCOLA INFANTIL DE ROSALÍA DE CASTRO, en Coia, Vigo, por informar a unha nai -despois de ser preguntada por esta- dunha presunta mala praxe ao longo do curso 2021/2025 sobre a nena desta nai.
Como ben recolle o Estatuto Básico do Empregado Público no seu artigo 54.4, o funcionario ten o deber de informar aos cidadáns daquelas materias ou asuntos que teñan dereito a coñecer, e iso foi precisamente o que fixo a traballadora. A resposta da Xerencia -e, por relación directa, da Xunta- non foi investigar os feitos senón iniciar un expediente sancionador cara a traballadora que cumpriu coa súa obriga.

A finalidade deste proceso non é outra que a coacción e advertencia para quen intente cumprir honestamente co servizo público, e sobre todo crear unha cortiña de fume que disimule a inacción e a incompetencia da xerencia e da Xunta, organismos aos que non lles interesa o ben común e público e moito menos que os rapaces e rapazas estean ben atendidos.
A Xunta iniciou o expediente á traballadora coa exclusiva finalidade de sancionala, pois todas as probas propostas indican que non hai obxecto de sanción cara a traballadora e si absoluta inacción na investigación da suposta mala praxe dunha docente do centro da que xa se recibiran queixas con anterioridade.
O vindeiro xoves día 5 de febreiro faremos unha concentración diante da Escola Infantil Rosalía de Castro en Vigo, de 13 a 15 h como resposta á sanción recibida pola traballadora.
Esixímoslle á Xunta a implantación dos protocolos de actuación adecuados, protocolos que non existen a día de hoxe, a REVOGACIÓN DA SANCIÓN Á TRABALLADORA E A INVESTIGACIÓN DA SUPOSTA MALA PRAXE.
POR UN SERVIZOS PÚBLICOS DIGNOS E DE CALIDADE!!!
POR UNHA XESTIÓN AXEITADA AO SERVIZO PRESTADO!!!












