É a hora de loitar

90

A CUT-Ensino invita ás organizacións sindicais STEG, CIG e CSIF a intensificar a loita contra os recortes de dereitos das traballadoras e alumnado do ensino público galego. Entendemos que non é o momento de dar pasos cara atrás, o camiño deber ser o de aumentar a presión na rúa, a única vía para poder impoñer a recuperación das condicións de traballo e da calidade na educación pública.

Tal e como reflicten os datos de participación nas mobilizacións dos meses pasados, o profesorado non da a batalla por perdida. Entón, por que comezar a deixar de lado reivindicacións que mobilizaron ao profesorado? Parécenos que a análise da situación non é a axeitada. O enroque da administración non xustifica unha rebaixa nas nosas demandas, máis ben ao contrario, é síntoma de que a loita do profesorado fai dano.

Unha campaña de recollida de firmas podería ser unha boa ferramenta para iniciar un conflito, pero unha vez que xa estamos en plena batalla pode desinchar a tensión que leva á mobilización. Xa entendemos como un erro a non mobilización en decembro, máis alá dos peches que realizaron os delegados con dispoñibilidade e tempo para accións individuais que non redundan nunha maior concienciación do profesorado na loita pola recuperación dos dereitos perdidos.

A nosa postura é a mesma desde o inicio do conflito: intensificar as folgas. Como xa foi proposto por esta central sindical en ocasións anteriores é necesario convocar unha folga de tres días con vistas a convocar a folga indefinida. Debemos dar pasos cara adiante e mostrarlle á Xunta de Rueda que non temos medo á mobilización. Tampouco debemos rebaixar as nosas peticións e manter que a nosa loita é a da recuperación de todos os dereitos que nos foron roubados e mellorar as condicións de ensino para o noso alumnado. Todo o demais vai encamiñado cara a aceptación da derrota.