Ricardo Castro Buerger Secretario Xeral da CUT
Os cínicos somos nós, os que pensamos que a sociedade capitalista actual, na súa fase “covidiana”, é unha anomalía histórica contraposta ao que a clase traballadora debe defender como natural, de aí o noso cinismo.
Os hipócritas son eles, os xestores parlamentarios do capital, porque din estar loitando contra a apocalipse mentres fan contas de canto poderán acumular desta vez.
O primeiro eixo do seu discurso foi neutralizar as responsabilidades, se na crise do 2008 os responsábeis foron os mercados, agora a responsabilidade é do virus
Contan os hipócritas cun exército de desclasados, ou cando menos alienados, que repiten en coro harmónico, unha e outra vez, os mandatos do dogma: “nisto estamos todos xuntos”, “ninguén ten a culpa, debemos remar na mesma dirección”, “non é o momento de sacar rendemento á desgraza”, “a unidade é a solución”… Este coro dos desclasados, ao igual que os tertulianos das ondas todas, son tamén, ao tempo, avogados, xuíces, policías e científicos; tendo así facilidade para xulgar, executar, lexislar, vacinar (ou non), increpar e condenar ao disidente, en particular ao cínico.
Os cínicos só contamos co intento de observar e cuestionar o dogma dominante, co intento de comparar o ruído cos feitos, os discursos e as fotografías das portadas coa letra agochada nos decretos que van destruír as nosas vidas. Os cínicos asistimos asombrados ao silencio ante a destrución da dignidade da clase traballadora e de todas as conquistas que a loita de clase acumula na mochila da historia.
En marzo o investimento público ía ser prioritario, hoxe vemos como o público está secuestrado para que nós sexamos os que reneguemos del e así poidan desmontalo sen oposición.
No mes de marzo confinaron a todo o estado español ante a evidencia da expansión da pandemia, esquecendo a prensa e os políticos as súas risas e afirmacións nos meses de xaneiro e febreiro, cando dicían que iso era cousa dos asiáticos que comen morcego e outras aseveracións xenófobas e supremacistas moi propias dos europeos.
O medo chegou, e con el a incompetencia de quen nos goberna agora e dos que gobernaron antes. O primeiro eixo do seu discurso foi neutralizar as responsabilidades, se na crise do 2008 os responsábeis foron os mercados, agora a responsabilidade é do virus. Nada importa a xestión nefasta do neoliberalismo dos últimos vinte anos recortando en servizos públicos. Da noite para a mañá descobren que a sanidade pública é importante, que salva vidas, e nun xogo de travestismo dialéctico falan de investimentos nunca vistos (e que nunca veremos) no sector público.
Despois de tres meses confinados adoutrinando no medo -roldas de prensa militarizadas, exército de parasitos nas rúas apuntando ao virus coas súas armas, unidade de España coma vacina divina, perigo inminente se non escapamos do outro, criminalización de quen non asume a norma, balcóns que aplauden emocionados esquecendo que dende o balcón non hai solución- saímos á rúa coa boca pechada, levemos ou non máscara, e obedientes, non hai nada no mundo máis importante que a COVID.
Os cínicos facemos números e nada cadra, nada agás que de novo será a clase traballadora a que pague as consecuencias. Os cínicos buscamos respostas porque os números non cadran.
En marzo o confinamento era ineludíbel e de mando patrio. Hoxe, medrando día a día os contaxios, é cousa de que cada quen decida e de culpar a xente moza, á que fuma ou á que durme de día.
En marzo o investimento público ía ser prioritario, hoxe vemos como o público está secuestrado para que nós sexamos os que reneguemos del e así poidan desmontalo sen oposición. Inspección de Traballo teletraballa, é dicir, non están; A Seguridade Social que debía xestionar esa farsa da esmola universal, teletraballan, búscate a vida e pérdete na burocracia. A administración de Xustiza teletraballa, sácate un certificado dixital e a xustiza pola túa man. A sanidade pública atende por teléfono e xa imos vendo como facer cos que están a morrer. A educación pública non é un problema de contaxio, as reunións de dez prohibidas pero nas aulas poden estar 25 nenos, non hai problema… e seguimos.
Non cadran os números e ninguén fai contas. A función pública teletraballa porque existe risco de contaxio, pero na PSA poden traballar 5000 traballadoras. O sindicato ten que limitar a súa actividade de acción sindical porque pomos en risco aos demais, as corridas de touros e os recibimentos ao Borbón ladrón están inmunizados.
Os números non cadran pero a pandemia inventou unha nova matemática e mentres a clase traballadora permaneza no coro dos hipócritas temos garantida a derrota. Non queda outra que exercer o cinismo porque nos vindeiros anos, agochados na COVID, van seguir recortando os dereitos que tiñamos asumidos e cando queiramos reaccionar as cadeas que nos atan serán moi pesadas. Comecemos por pensar e rebelarnos ante o que nos impoñen. Sexamos cínicos.