Docentes e familias toman as rúas de Compostela contra os recortes en Ensino

132

Este domingo, 11 de setembro, centos de docentes e familias fartas dos abusos continuados sobre o ensino público da Xunta de Galicia tomaron as rúas de Compostela baixo o lema “NIN RECORTES, NIN DESPIDOS. POR UN ENSINO DE CALIDADE.”

A mobilización, convocada pola CUT Ensino, vén poñer sobre branco o sentir da comunidade educativa no inicio deste novo curso postcovid con aulas ateigadas con ata 35 alumnos e cun número de profesorado menor recortado en máis de 900 prazas estruturais anuais e a imposición da impartición de materias alleas á súa especialización docente.

Os efectos dos recortes, tal e como proclamou o manifesto lido no remate da marcha na Praza de Praterías, levaron ao despedimento do persoal interino de longa duración cando se está a piques de convocar o proceso para a súa estabilización. Un proceso denunciado ante o TSXG polo sindicato CUT por non contar con suficientes prazas ofertadas.

No manifesto final os convocantes expuxeron propostas de solución á Xunta de Galicia que pasan pola ampliación do número de profesorado mediante a correcta aplicación dos procesos de estabilización docente, a reversión dos recortes e a supresión das materias alleas a cada profesor.

Anunciaron tamén que non van parar nas mobilizacións ata ver un ensino público galego dignificado e ao servizo do pobo e unha oferta de estabilización que ampare a todo o profesorado despedido neste inicio de curso.