A CUT estivo presente nestas dúas xornadas de mobilización educativa, acompañando o profesorado que decidiu dar un paso adiante e dicir abondo xa. Onte en Compostela e hoxe nas catro capitais de provincia, estivemos nas rúas facendo visible o descontento coa precarización do ensino público e coa falta de respostas reais por parte da Consellería.

Queremos agradecer a todas as compañeiras e compañeiros que participaron, tanto nas manifestacións como nos centros, porque cada voz conta, e cada paso dado serve para fortalecer a dignidade do ensino público galego.

A folga destes dous días amosa que o profesorado non está disposto a seguir asumindo máis sobrecarga, máis burocracia e menos recoñecemento. Pero tamén deixa claro que a loita non remata aquí: hai que avanzar cara á unidade sindical e social, porque só cun movemento amplo, que una a toda a comunidade educativa e á sociedade, poderemos cambiar as políticas que están a deteriorar o ensino.

Desde a CUT reafirmamos o noso compromiso: queremos estar, acompañar e sumar en cada espazo onde se defenda un ensino público, galego, digno e de calidade.

A loita continúa, nas aulas e nas rúas.
#CUTEnsino #FolgaEnsino #EnsinoPúblicoGalego










