DIANTE DA DETENCIÓN DE RAFAEL DÍAZ USABIAGA

78

A CUT é consciente de que para salvar a crise a oligarquía española, representada polos seus partidos de referencia no teatro da democracia do Estado (PP e PSOE), está a endurecer os seus mecanismos de represión declarando o estado de excepción coa finalidade de silenciar a disidencia dos pobos traballadores  sometidos ao xugo da prisión de pobos que é España. O seu proxecto é consolidar así o poder que detentan e toda a serie de privilexios que acumulan mediante a expropiación sistemática do noso traballo e os nosos dereitos colectivos políticos, económicos ou sociais.

Diante da acción coordenada desta oligarquía coas súas administracións policiais e de xustiza, que veñen de condenar a penas de prisión ao ex-secretario xeral  do noso sindicato irmán LAB, Rafael Díez Usabiaga, onda outros/as catro dirixentes do novo ciclo político en Euskal Herria, a CUT quere expresar a súa  solidariedade coas compañeiras e compañeiros procesados e denuncia publicamente o estado de excepción que con estes feitos se declara.

Esiximos a liberación inmediata de todas as compañeiras e compañeiros detidos e poñemos explicitamente a nosa voz da banda do compañeiro Usabiaga, con  quen a CUT mantén un compromiso honesto na dirección do desenvolvemento dun sindicalismo revolucionario, pola emancipación dos pobos traballadores galego e basco. Reproducimos a seguir o comunicado da central sindical LAB á comunidade internacional:

COMUNICADO DE LAB Á COMUNIDADE INTERNACIONAL DIANTE DA SENTENZA POLA QUE XUÍCES ESPAÑOIS CONDENAN E ENCARCERAN AO NOSO EX-SECRETARIO XERAL E A OUTROS 4 MEMBROS DA ESQUERDA INDEPENDENTISTA VASCA

O pasado venres, 16 de setembro, a Audiencia Nacional española fixo pública a sentenza pola que se condena a 5 dos procesados no chamado “caso Bateragune”. Entre os condenados atópase o ex-Secretario Xeral de LAB, Rafael Díez Usabiaga, que foi condenado a 10 anos de cadea. O resto das persoas condenadas fórono a penas similares, entre 8 e 10 anos de cadea para cada un. Onte, día 20 de setembro, Rafa Díez foi outra volta encarcerado. Desde LAB, queremos facer chegar en primeiro lugar a nosa solidariedade a Rafa Dez e ao resto das persoas condenadas. É por todos e todas coñecida a  importancia da achega realizada por estes compañeiros e compañeiras a favor do momento político de esperanza que vivimos no País Basco, e por iso LAB  considera que a condena imposta é sumamente grave e denunciábel.

Esta sentenza deplorábel e o encarceramento de Rafa Díez, LAB sitúaos na aposta pola confrontación que realiza o Estado español. Nun momento no que a clase traballadora vasca, os axentes políticos, sindicais e sociais facemos unha aposta por unha solución democrática, esta sentenza ten evidentes  consecuencias políticas:

– O Estado español continúa poñendo a poñer trabas ao proceso aberto.
– Déuselle prioridade por parte do PSOE e do PP aos intereses electoralistas e partidistas.
– Quedou en evidencia, unha vez máis, a incapacidade e irresponsabilidade política do goberno español, que é incapaz de facer fronte á conxuntura política e ao futuro con madurez política.
– Outra volta se lle deu as costas e se desprezou o sentir maioritario da sociedade vasca.