O Comité de Empresa do Hostal manifestou nunha comunicación pública a súa “carraxe por uns despedimentos negociados a porta pechada por CCOO, UGT e a patronal madrileña, dos que ese organismo se enterou pola prensa, sen que a dirección do centro comunicase formal ou informalemente nada”.Foto: Carmela, traballadora de pisos despedida.
Esta mañá, no compostelán Hostal dos Reis Católicos a empresa procedía ao despedimento de 12 compañeiras e compañeiros sen que o Comité de Empresa, a lexítima representación colectiva, fose tan sequera preavisado, en aplicación do ERE que CCOO e UGT lle asinaron á empresa Paradores de Turismo S.A. en Madrid.
Se dous deses despedimentos foron baixas incentivas e negociadas de mutuo acordo, os outros dez despedimentos desenvolvéronse en termos de absoluta indignidade, e foron levados con secretismo tanto polo Comité Intercentros como pola empresa, que nin sequera convocou aos delegados e delegadas de persoal á xuntanza onde se lles comunicou cun conciso “tómate uns días de vacacións e xa te chamaremos para recoller a liquidación”, un por un e oralmente aos afectados e afectadas.Esta mesma mañá, en Vigo, un dos responsábeis sindicais de CCOO anunciaba en roda de prensa a execución dos despedimentos sen sequera poñerse en contacto con este Comité, nin coa maioría sindical representada pola CUT, que se enterou polas chamadas dos medios de comunicación. Este mesmo representante rozou o cinismo cando declarou estar “cabreado” e cualificou de “non necesarios” uns despedimentos que eles mesmos asinaran. Estas son as grandes cualidades melodramáticas de CCOO e UGT que xogan reiteradamente coa vida e o futuro das traballadoras e traballadores.O Comité do Hostal manifestou tamén a súa indignación porque en ningún momento a empresa se sentou a falar coa representación o contido da execución nin os prazos dun Expediente que foi asinado sen lexitimación polo Comité Intercentros de Madrid (CCOO e UGT), do que nada se soubo en ningún momento e que nun centro en millonarios beneficios como o de Compostela acaba de deixar na rúa a 12 compañeiras e compañeiros que entre 20 e 45 anos de antigüidade forman parte da nosa historia social e sindical viva, coa súa achega indispensábel á loita e á dignidade colectivas.”Estes compañeiros e compañeiras estiveron maioritariamente ao frío e á chuvia denunciando a burla de negociación que se desenvolvía en Madrid durante as xornadas de folga de decembro e xaneiro, e con eles estará sen ningún tipo de dúbida o conxunto do Comité, na defensa da súa reincorporación ao centro de traballo, porque se nos tocan a unha, tócannos a todas” afimou a representación colectiva, para aseverar que “lamentamos que a empresa dese en tratar desta maneira aos compañeiros e compañeiras, mais non damos nada por perdido. Agora correspóndelle ao cadro de persoal dar un paso adiante súa defensa. O Comité, que está a impugnar o ERE no seu conxunto, acaba de convocar por vías de urxencia unha Asemblea Xeral de Traballadores/as para este martes”.