DESPEDIDO O SECRETARIO DA SS DA CUT NO NH OBRADOIRO

110

David Rei, Secretario da Sección Sindical da CUT no NH Obradoiro e un dos cadros sindicais máis destacados nese centro, vén de ser despedido esta mañá baixo o argumento da “mala situación económica”, engado que a patronal está a utilizar reiteradamente para acometer unha ofensiva antisindical de entidade no conxunto do Estado. Despedimento que se produce, e non casualmente, ás portas da nova convocatoria de eleccións sindicais no centro para o mes de decembro.Con todo, non é a primeira vez que no Hotel NH Obradoiro, co moañés Esteban Iglesias á dirección, se desprega unha ofensiva de entidade contra a representación colectiva da CUT. En síntese, o despedimento de dúas compañeiras da sección sindical ou a tentativa de despedimento ao delegado e secretario comarcal da CUT Compostela Leonardo da Cruz paralizado pola resposta sindical e popular, foron dúas etapas máis dun itinerario antilaboral que NH Obradoiro semella non querer rectificar.David Rei, representante colectivo da nosa afiliación do centro, ten presentadas diversas demandas contra a empresa, e ten despregado unha labor interna de defensa dos intereses do colectivo, unha tarefa que se resolve difícil no seo dunha multinacional acostumada ás agresións por sistema aos dereitos laborais e sindicais. Este compañeiro é un máis das moitas e moitos compañeiros que demostran coa súa práctica que existe un modelo de sindicalismo ao servizo dos traballadores e traballadoras que non está disposto a se render.Como tantas outras veces nas que NH Obradoiro quixo desafiar á CUT no centro de traballo, a nosa resposta é clara e unívoca: venceremos nós. Xa o fixemos máis veces. Por iso, unha nova batalla comeza, e require o concurso dos esforzos de todas e todos nós.Forza pois. Pola readmisión de David Rei, polo respecto da liberdade sindical, a loita continúa.