DESPEDIDA POR NON MANIPULAR

74

[Ao fío do debate sobre a radiotelevisión pública galega e o seu futuro, no contexto dun goberno de dereita ultraliberal que está a desartellar o sistema público de servizos, decidimos reproducir e traducir esta testemuña dunha experiencia moi próxima: a dos despedimentos masivos en Telemadrid, a televisión que a compañeira de partido e intereses de Feijóo, Esperanza Aguirre, soñou para a súa promoción persoal e política. Escribe unha traballadora de Telemadrid.]
Cando soaba o espertador ás 6,20 da mañá, dáballe unha puñada e volvía a me acochar. Non me quería erguer. Dábame pánico ir a Telemadrid. Chegaba alí, sentábame diante do ordenador na sección de Nacional, na que me estreei hai case 20 anos, e agardaba a que me encomendasen un traballo. Mais non acontecía. A maioría dos días non tiña nada que facer. Estaba vetada. Tiña a súa explicación, aínda que resultase incomprensíbel.

“Conta comigo, pero eu non manipulo”
Coa chegada de Esperanza Aguirre á presidencia da Comunidade, comezou a descomposición de Telemadrid. Contrataron a moitos. Chegaron máis cando José María Aznar perdeu as eleccións e os seus responsábeis de prensa ficaron tirados.  Nesa época desembarcou a miña nova xefa. Fóra persoa de confianza do exministro Jaume Matas –condenado a 7 anos de prisión-. Díxenlle “conta comigo para o que queiras, pero eu non manipulo”. Gústame deixar as cousas claras desde o principio porque así non hai malentendidos. Daquela, levaba xa tempo sen asinar as miñas informacións como protesta pola descarada manipulación que se exercía a diario na tele. Trouxeron a xornalistas contratados da rúa para facer o que outros non queriamos. Eu seguía de brazos cruzados soportando longas etapas sen elaborar unha noticia. Minutaba rodas de prensa infumábeis que sabían perfectamente que non ían saír nos Telenoticias. Así tíñanme ocupada e non podía queixarme.O que se impoñía en Telemadrid non era xornalismo aínda que o vendían como tal. A miña xefa pasaba todo o día indo da súa mesa ao despacho do director de informativos. Desde alí viñan as pezas feitas antes de que se producise a noticia. Despois limitábase a transmitir as ordes. Había que facer vídeos contra Zapatero, contra os xuíces do 11-M, contra Gallardón e até en contra de Rajoy cando se enfrontaba coa “lideresa”. Dicíallo baixiño, case a bisbar, ao redactor de quenda para que non se notase moito. Moitos ollos o viron. Non só os meus. Era o novo modelo de traballo que se instauraba na tele. Un “xornalismo” sen fontes, sen coberturas, sen contrastar noticias; só ao servizo do PP.Cando Telemadrid era unha tele de todos…
Cando a xente que manipulaba se ía de vacacións, os Telenoticias seguían e non quedaba outra que tirar dos veteráns e entre eles, de min. Entón demostrabas que eras válida, que estabas ao 100 por cen para facer directos, pezas sen apenas tempo ou o que cumprise. Eu respondía como me aprenderan na outra Telemadrid.Moitas veces lle dixen á miña xefa que me dese traballo, porque non soportaba estar sen el.  E recordáballe como eramos antes de que eles chegasen, cando Telemadrid era unha tele de todos. Eran xornadas que empezaban ás 8,00 da mañá e terminaban de madrugada na porta da Audiencia Nacional cos GAL. Días de irlle nunha moto a Barajas a coller un avión para o País Basco porque mataran a alguén. Os asasinatos de Fernando Buesa, o de Tomás e Valente, os xuízos a etarras…Crónica xudicial, porque aí non ían meter man
Nunca esquecerei as 48 horas na porta da casa de Miguel Anxo Branco e o que veu despois. O 11-M, as innumerábeis campañas e coberturas e as noites de eleccións en Cataluña, Madrid, Andalucía. Fixen de todo e nunca dixen que non porque o que facía era xornalismo puro.Así, con eses recordos lanzados coma balas, aguantaba día tras día o parón. Era duro. Moito. Mantiña o tipo, pero en canto entraba na casa chegaba o derrube. Hai uns meses, case cando estaba ao bordo da desesperación, unha subdirectora veu ofrecerme saír de Nacional e incorporarme a Local para facer os xuízos na Audiencia Provincial de Madrid. Díxenlle que si co engadido “pero eu non manipulo”. Iso significaba recuperar a rúa co meu micrófono, o meu bolígrafo e o meu caderno para facer crónica xudicial. Aí non ían meter man, a non ser que o asasino ou o asasinado tivese algo que ver con Esperanza Aguirre ou Ignacio González. Volvín asinar, quizais porque no fondo intuía que o final estaba preto e quería marchar como comecei hai case 20 anos.O motorista co burofax
Ese final, tantas veces anunciado, chegou o sábado. Sabíao. Acordei cedo. O whatsApp empezou a chiar antes das 8.00 da mañá. Era o aviso de que comezaban os despedimentos. Algúns compañeiros xa o tiñan. O meu marido púxose a mirar pola fiestra do salón para agardar ao carteiro co terríbel burofax. Eu estaba na cociña intentando prepara un café. Viuno chegar e díxome “xa está aquí”. Contesteille “vale”. Eran as 9,50. Chamou ao telefonillo e abrinlle. O home miroume con cara de dicirme “bon, xa sabes ao que veño”. Eu tranquiliceino cun “non pasa nada”. A algún compañeiro o seu carteiro botóuselle a chorar e acabaron apertándose.Eu asinei, pechei e chorei ¡Como non vou chorar! Abrín o sobre, busquei o porqué e botei a rir con amargura “considérase que outros traballadores reúnen as condicións (efectividade e calidade) en maior grado ao mostrar un maior desenvolvemento e valía”.Viñeron dicirnos ‘síntoo’ quen se quedaban
O teléfono empezou a soar. Alén a miña amiga Maite choraba máis do que eu. Chamei a Cádiz para dicirllo aos meus pais. As bágoas afogábanme. Ducheime e fun a Telemadrid por outro camiño distinto ao habitual. Xa non ía traballar. Ía recibir aos compañeiros que pasaran a noite pechados como protesta polos 829 despedimentos. Saían ás 12,00. Unha estampa inesquecíbel. Era o final dun mes longo no que se deixaron a pel por todos. Serviume de desafogo. Díxenlle adeus a moita xente. A cámaras cos que fixen boas coberturas. A productoras, a documentalistas. Apertas que reconfortaban. Non eran precisas as palabras. Alí estaban despedidos outros xornalistas que o pasaron tan mal e mesmo peor do que eu. Non só agora, senón nos últimos anos. Gema, Bego, Luís, Isabel, Javi, Magda, Carlos, Mariña, Luz, Bea, Ana, Inma e tantos outros… Tamén viñeron dicirnos “síntoo” quen se acababa de decatar de que ficaba. Un xesto que os honra. Non estaban os que miraron para outro lado, tampouco os que han ir salvarse con escusas. Non os botei de menos. Non os agardaba. De verdade. Alí estabamos os de sempre. De regreso a casa, xa empecei a sentirme acougada.Inmaculada Moreno (unha dos 829 traballadores de Telemadrid despedidos polo ERE)