A esquerda sindical non pode ser neutral
O pasado 22 de xullo, aínda co acordo do Consello Europeo recén asinado, a CUT fixo pública a nosa posición ao respecto. Diciamos daquela que o que denominan Plan de Recuperación Europeo (PRE), ou Plan da Próxima Xeración EU, é en realidade un rescate solapado na actual crise sanitaria da COVID-19. Pasado un tempo, e coa letra de dito acordo na man, cómpre profundar na análise e desmontar o que para a xeneralidade dos medios e dos xestores do capital –desde a dereita máis rancia á socialdemocracia– foi presentado como un “acordo histórico”. Os aparellos de propaganda das elites puxeron grande énfase, usando un rexistro sensacionalista, á hora de falar do carácter histórico do Cadro Financeiro Plurianual contido no acordo da UE. Nós tamén pensamos que é histórico, pero por razóns ben diferentes.
Unha análise máis rigorosa dos contidos do acordo (orzamentos, procedencia dos recursos, aspectos políticos e xurídicos…) fai constatar como evidente que nos atopamos fronte a un grande artificio cuxo único obxectivo é salvagardar a UE do capital.
Asusta ver e escoitar a quen se autoproclama como esquerda política ou sindical xustificar coa mesma lóxica das elites e do capital as bondades do PRE, coma se o exercicio da política e os instrumentos derivados da mesma fosen neutros ou inocuos. A análise de clase, é dicir, a análise cimentada na ideoloxía obreira, ensinounos como mínimo desde Marx que os feitos políticos, sexan acontecementos ou se manifesten en normas ou leis, sempre responden ao desenlace da loita de intereses entre clases, sempre responden a unha correlación de forzas e nunca é neutra a súa resultante.
Alguén cun mínimo de honestidade e de rigor analítico pode afirmar que o chamado PRE non é a expresión dos intereses das elites europeas? Obviamente non. Só os demagogos, os atrapados na tea de araña da Europa do capital, fan xogos malabares coa súa narrativa chegando a afirmar barbaridades como falar do “fin de ciclo neoliberal” ou do inicio do “ciclo keynesiano”. Son os mesmos e as mesmas que no futuro dirán que o PRE era bo, pero a súa xestión foi desastrosa. Ao fin e óao cabo, o oportunismo eurocomunista e socialdemócrata están para iso, ese é o seu rol histórico, a lexitimación das políticas capitalistas desde unha suposta esquerda.
nos atopamos fronte a un grande artificio cuxo único obxectivo é salvagardar a UE do capital.
Os contextos históricos non son nin inocentes nin neutrais, obedecen a causas determinadas pola política. As decisións das clases dirixentes teñen consecuencias, e unha delas é que, como xa manifestou a CUT en repetidas ocasións, dende mediados do ano 2019 estabamos nun novo período de recesión capitalista. Tampouco son inocentes os argumentos que explican a historia, e por iso a COVID-19 está a xogar o papel de culpábel nesta recesión que obedece á mesma xenética do capital; o relato dominante mente e aliena á clase traballadora. Volvemos lembrar que as políticas neoliberais dos últimos lustros, manifestada nos recortes sistemáticos na Sanidade e en todo o público, explica en gran medida a incapacidade dos distintos gobernos para enfrontar a pandemia. Non existe a inocencia nas decisións políticas do capitalismo.
O papel da Unión Europea
Non hai máis que acudir aos medios de comunicación “oficiais” para comprobar como os mesmos que agora venden o PRE como un acordo histórico, como exemplo de solidariedade entre os pobos, pechaban a boca e miraban cara a outro lado –ou cara a China- cando a OMS xa ditaminaba que en Italia e España os mortos se contaban por miles. Estes gobernos “solidarios” son os mesmos que asasinan nas augas europeas ás persoas que foxen das guerras que a mesma UE alenta. A conclusión clara non pode ser outra que a UE é inútil para xestionar os intereses das clases populares.
Como é posíbel que no espazo de dous meses a actitude da UE mudara desde a inoperancia mais grotesca á inusitada “solidariedade histórica”? Evidentemente hai razóns que explican este fenómeno. Ou dito doutra maneira, o fenómeno é o mesmo –a inutilidade- só mudan as apariencias. As elites que mandan no mundo saben que o sistema capitalista en Europa sen a UE tería como mínimo dubidoso futuro. A UE é a expresión política da necesidade histórica –agora como no 1948– do desenvolvemento do sistema capitalista na rexión europea.
É certo que a xestión disparatada da pandemia deixou en evidencia as costuras do sistema, e máis concretamente da Unión Europea. É evidente tamén que a contestación e a desafección coa UE –o que os medios oficiais chaman “euroescepticismo”– segue a medrar, comprometendo o futuro da institución. Na lóxica das elites había que actuar, había que salvar a UE. Neste contexto, e só neste escenario, hai que situar a xestación do PRE, outra cousa son os contidos e xestión do mesmo.
A arquitectura do acordo
A capacidade alienante dos medios de propaganda, fundamentalmente da prensa escrita e as televisións é ilimitada. Sen eles non sería imaxibánel o que está a acontecer, eles son os encargados da creación da opinión pública publicada. Por outra banda, prescindir do coñecemento do que é en realidade a Unión Europea sobre todo a partir do Tratado de Maastricht, para interpretar e finalmente entender o PRE, sería unha inxenuidade.
A UE é basicamente un cárcere de pobos, onde conviven vinte e oito Estados de distintos tamaños e distintos universos e tradicións de desenvolvemento. Tan diferentes que no mesmo espazo político conviven economías capitalistas avanzadas con países en vías de desenvolvemento. É máis, as políticas da chamada cohesión europea ou a moeda única non fixeron máis que agrandar esas diferenzas. Aínda así esa asimetría intereuropea non o explica todo, pois quen determina as políticas da UE son as elites económicas e os mercados, sexan do sur ou sexan do norte, cando non transnacionais.
Non nos enganemos e non nos perdamos na inxenuidade, o acordo acadado sobre a Next Generation EU é o acordo posíbel hoxe na lóxica do capital
A narrativa servil dos medios cando se referían a UE tíñanos acostumados a falar dos países ricos encabezados por Alemaña e Francia e os países pobres; España, Portugal, Grecia… Porén, nesta ocasión apareceu na escena mediática a novidade dos países frugais (para referirse a Holanda, Dinamarca e Austria fundamentalmente), que pasan a facer o papel protagónico no relato dos medios no proceso de negociación, deixando sospeitosamente a Alemaña e Francia nun segundo plano e xogando os “frugais” o papel de severos e antisolidarios para roubarlle votos á ultradereita que medra nos seus cálculos electorais. Variaron a ecuación para ter o mesmo resultado. Como dixemos nalgunha ocasión desde a CUT, toda unha representación teatral con asignación previa dos papeis para chegar a un novo rescate.
Como non podería ser doutra maneira, os xestores do capital –fose da cor que fose, os do norte, os do sur e até os chegados recentes e con independencia dos discursos políticos previos–, aplaudiron a sinatura histórica do PRE. No Estado español o presidente Sánchez Castejón escenifica o evento como se dunha vitoria se tratase, cun discurso patético que ninguén cre e co acompañamento vergoñento de Unidas Podemos.
Non nos enganemos e non nos perdamos na inxenuidade, o acordo acadado sobre a Next Generation EU é o acordo posíbel hoxe na lóxica do capital. É o acordo que garante a continuidade do proxecto neoliberal como compás da Unión Europea. O de menos é que a linguaxe sexa mais suave, que en vez de Troika sexa a Comisión, que en vez de cumprimento do memorando se fale sutilmente de condicionalidade.
A UE é basicamente un cárcere de pobos, onde conviven vinte e oito Estados de distintos tamaños e distintos universos e tradicións de desenvolvemento.
Os contidos do PRE ou Next Generation EU
Na primeira valoración da CUT dicíamos que as cifras en si poden dicilo todo ou non dicir nada. Os 140.000 millóns de euros asignados ao Estado español, se fosen axudas en parámetros de interese social, de fomento do emprego público, de recuperación do medio natural ou de rescate da economía agraria, pesqueira e forestal… non sería unha cifra desprezable. O problema está no de sempre, a xestión dos montantes financeiros das transferencias e dos préstamos será para enxaugar e engordar as contas de resultados da banca e do grande capital.
Faremos unha análise daquelas cuestións mais salientábeis do texto do acordo.
En primeiro lugar, sería bo destacar que a simple primeira vista chama a atención a redución a tanto alzado da contribución anual á UE de Dinamarca, Alemaña, Países Baixos, Austria e Suecia no período 2021-2027. Contribución que será porrateada no resto dos Estados membros. De igual maneira –casual, dado o protagonismo de baixo perfil de Alemaña– que a zona de influencia de mercado inmediata deste país saia beneficiada. Polonia, Chequia, Eslovenia, Eslovaquia e Croacia. Toda unha lección do compromiso solidario e mancomunado que nos están a vender.
Unha segunda cuestión capital é o carácter condicional que terán as distintas partidas orzamentadas. Para ser máis claros, a entrega de cada euro consignado en cada unha das partidas do Cadro Financeiro Plurianual 2021-2027 estará condicionada aos cumprimentos dos Estados beneficiarios. Obviamente están falando do cumprimento de todos aqueles ratios intrínsecos ao ditaminado polo Bundestag e o BCE: salarios, pensións, fiscalidade e dereitos sociais e laborais.
No epígrafe 19 do acordo, dise: “A avaliación positiva das solicitudes de pagos estará supeditada ao cumprimento satisfactorio das metas e obxectivos pertinentes”. Case nada. E a continuación, por se tal cuestión non quedara suficientemente clara, engádese: “No caso excepcional de que un ou máis Estados membros consideren que existen desviacións graves do cumprimento satisfactorio das metas e dos obxectivos pertinentes, poderán solicitar ao presidente do Consello Europeo que remita a cuestión ao próximo Consello Europeo”. A tradución evidente do que chaman metas e obxectivos pertinentes no Cadro Financeiro Plurianual 2021-2027, son a rebaixa de salarios e pensións, os recortes sociais e máis fiscalidade para os sectores populares.
En contraposición ao cinismo do pretendido carácter humanitario e solidario do PRE é escandalosa a consignación dos orzamentos de 23.000 millóns de euros para a militarización das fronteiras, é dicir, para profundar nas políticas xenocidas tan recreadas no Mar Mediterráneo ou 20.000 millóns de euros destinados á industria do armamento. Non é casualidade, non, as políticas austericidas non terían viabilidade se non é co compoñente represivo que as sustentan.
Outro ingrediente absolutamente clarificador do acordo é de onde sairán os fondos orzamentados para o PRE, dos mercados e dos fondos de inversión. A carioca que traba no rabo. O BCN non vai emitir moeda, non, sendo absolutamente coherente co norte neoliberal da putrefacta UE acordaron seguir engordando aos seus amigos e así acrecentar a débeda ilexítima.
Temos dito que a presente crise sanitaria puxo ao descuberto o esqueleto perverso no que se asenta o sistema capitalista a nivel global pero tamén en Europa. Ademais da incapacidade e imprevisión estrutural en materia sanitaria, que foi o mais alarmante e dramático, habería que destacar que quedou en evidencia o sistema en materia alimentaria ou o propio modelo de asentamento humano e a mobilidade. Pois ben, é moi clarificador que o PRE e o Cadro Financeiro Plurianual castigue precisamente as partidas de desenvolvemento rexional, a sanitaria, a medioambiental ou a PAC (Política Agraria Común).
A UE como se ten dito foi construída en base a unha xeometría asimétrica interesada. O libre mercado capitalista é un mito que acadou carácter grotesco, Galiza pode exportar todos os grelos que queira, mentres Alemaña pode facer o mesmo con manufacturas de última xeración. A fenda tecnolóxica, económica e produtiva dos países ricos cos da cola tense ensanchado escandalosamente nos dous últimos lustros. Comparar a capacidade de endebedamento ou a caída do PIB de Alemaña coa do Estado español, xa non digamos a capacidade de resiliencia, é unha broma. Finalmente o chamado dumping fiscal –Países Baixos, Luxemburgo e Irlanda– seguirá sen ningún tipo de freo, como unha mostra máis dos “valores mancomunados e solidarios” da Europa do capital. Alguén pode manter que o Plan de Recuperación Europeo vai a paliar o golpe da crise sanitaria? Só o paroxismo ideolóxico pode facelo.
O BCN non vai emitir moeda, non, sendo absolutamente coherente co norte neoliberal da putrefacta UE acordaron seguir engordando aos seus amigos e así acrecentar a débeda ilexítima.
Para rematar habería que destacar o maior sometemento dos Estados membros á Comisión e ao Consello Europeo. Por se xa fose pouca a perda de capacidade decisoria e de soberanía, á Comisión outórganselle poderes plenos para, na práctica, decidir. É escusado mentar o peso e a capacidade dos pobos sen Estado coma o noso. Si ou si, os pobos e as persoas quedamos ao dispor do autoritarismo neoliberal.
A previsible incidencia do PRE en Galiza
Despois de todo o expresado que podemos esperar desde Galiza? O noso país non é suxeito político no enxendro da Restauración do Réxime do 78, canto máis na ecuación da Europa do capital. Se a isto lle sumamos a realidade institucional que emana da correlación electoral, espéranos lustros de escuridade como cidadáns subalternos. Do PP de Núñez Feijoo, xestor provinciano do mandato das elites españolas, máis do mesmo. Da sucursal da socialdemocracia española, aínda menos, amarrada ao guión da ministra Calviño, e previsíbel baluarte na execución das políticas contidas no Next Generation EU. Dos rescaldos de Unidas Podemos só se espera a mensaxe demagóxica e inútil do “quero, pero non podo”.
No plano da avaliación do posíbel percorrido dos contidos pactados polas elites europeas, máis do mesmo. Reiteramos que o acordo político do 21 de xullo aborda a grandes trazos as liñas mestras do neoliberalismo europeo, nin sequera bosquexa catro liñas para as realidades como a galega en clara desvantaxe coa xeralidade xeopolítica europea.
O noso agro, a gandeiría, o leite, os nosos froitos e a política forestal seguirán á deriva destrutiva dos últimos trinta anos. A pesca de baixura e a industrial seguirá a estela de morte matada sen capacidade de reacción. No eido industrial os antano segmentos estratéxicos continuarán na agonía subalterna transnacional. En definitiva, seguirán a pesar da experiencia pandémica sanitaria axofrando delirios dunha sociedade de servizos inviábel e demostrada.
Só as empresas con capacidade de influír nos lobbys de Bruxelas e Estrasburgo como Citroën ou Inditex poderán aspirar aos cachos da torta. Ao demais tecido industrial só lle queda aspirar ás migallas que caian da mesa de Madrid. Tremendo panorama.
A nosa obriga nacional e de clase
Se temos en conta esta diagnose, só nos queda unha saída como país e como galegos e galegas. Non por maximalismo, de España non temos nada que esperar. Se alguén tiña dúbidas sobre o papel da suposta “nova esquerda rupturista” e o posíbel rol rexenerador ou de ruptura co Réxime do 78, a súa traxectoria de colaboración co españolismo máis rancio, e a asunción do discurso sindical de CCOO e UGT, foi agora colmada co apoio sen emendas ao “acordo histórico” do PRE.
Un espazo que confronte, desde unha perspectiva nacional galega, os intereses dos sectores populares coa afronta que nos vén de Europa e que xesitonará Madrid
Se damos entendido o verdadeiro contido e o sentido do acordado pola Comisión Europea, non nos queda outra que a oposición frontal. O pragmatismo político –pero no fondo profundamente ideolóxico– de “estamos dentro e vai moito frío fóra” pode dar dividendos a curto prazo para aqueles que viven do politiqueo, aínda que se vistan de esquerda, pero en realidade é unha sentenza de morte a medio prazo.
A CUT só vislumbra como saída a posíbel articulación dun gran espazo de acordo nacional para enfrontar o que nos vén, que é a hipoteca como cidadáns e como pobo por xeracións. Un espazo que confronte, desde unha perspectiva nacional galega, os intereses dos sectores populares coa afronta que nos vén de Europa e que xesitonará Madrid. Un espazo de acordo en clave nacional onde teñan cabida o sindicalismo de clase, os movementos sociais, o cultural, o veciñal, a mocidade… Unha fronte obreira e popular que sexa panca capaz de enfrontar a última versión aldraxante do neoliberalismo que é a Unión Europea.
Nesa tarefa, contade coa CUT sen máis aspiración que a de ser exército dunha causa que nos obriga. A historia marca urxencias, está é unha delas.