O noso país non lanza bombas contra outros probos, nin manda milleiros de avións a bombardear cidades; o noso país non posúe armas nucleares, nin armas químicas, nin armas biolóxicas. As ducias de miles de científicos e médicos cos que conta o noso país foron educados na idea de salvar vidas.
Fidel Castro Ruz
Onte recibíamos a noticia de que o presidente saínte dos Estados Unidos incluía a Cuba na listaxe dos “Estados patrocinadores do terrorismo”. Trátase dunha lista feita polo Departamento de Estado e que de forma unilateral se permite incluír na mesma a países que eles consideran conveniente castigar, con todas as gravísimas consecuencias que iso conleva. Non é casualidade que se trate sempre de países non propensos á defensa dos intereses estadounidenses nas súas zonas.
Se houbese que incluír a Cuba nalgunha listaxe sería na dos estados que defenden a vida, a igualdade, a democracia e a solidariedade entre os pobos. A cita de Fidel Castro reflicte ben claro o que é Cuba e o que a Revolución cubana supuxo para a humanidade.
O último exemplo que demostra o dito son as brigadas médicas Henry Reeve que, nun contexto de pandemia mundial, axudaron a numerosos pobos, como o italiano, a facer fronte a unha complicadísima situación sanitaria. Iso é a Revolución cubana, un exemplo de solidariedade e vida, aínda nos contextos máis complicados como é o actual, que sempre está ao servizo da humanidade tal e como o demostraron en numerosas ocasións.
Por todo isto, desde a Coordinadora dos Pobos da Federación Sindical Mundial, composta polo sindicalismo nacional e de clase do País Vasco, Països Catalans, Galiza e Canarias, denunciamos esta nova maniobra dos Estados Unidos contra Cuba. Denunciamos que Cuba é un estado vítima do terrorismo e a súa poboación o sufriu en carne propia, ao prezo de 3.478 vítimas mortais e 2.099 persoas con discapacidade por actos cometidos polo goberno dos Estados Unidos ou perpetrados e patrocinados desde o territorio dese país coa tolerancia das autoridades oficiais.
Por todo isto, desde a Coordinadora dos Pobos denunciamos este novo tento do imperialismo contra a Revolución cubana, e reafirmámonos na nosa solidariedade con Cuba, pobo amigo de todos os pobos oprimidos do mundo como o son os nosos. Seguiremos loitando en todos os ámbitos onde participamos para defender a Revolución cubana e para devolver toda a solidariedade que o pobo de Cuba repartiu no mundo.