A Central Unitaria de Traballadoras presentou esta mañá unha denuncia na Inspección de Traballo contra as condicións laborais que están a impoñer as compañías de vehículos con licenzas VTC que actualmente operan na contorna da Coruña.

A medida forma parte dunha acción conxunta adoptada hoxe, 20 de decembro de 2019, que foi coordinada pola Intersindical Alternativa de Catalunya (IAC) e mais a organización Taxi Project en colaboración coas forzas sindicais alternativas Sindicato Andaluz de Trabajadores (SAT) en Andalucía, Langile Abertzaleen Batzordeak (LAB) en Euskal Herria, Intersindical Valenciana (IV) en Valencia, Frente de Obreros en Lucha (FOL) en Madrid e a propia CUT en Galiza, para denunciar as prácticas laborais abusivas e fraudulentas implantadas polas multinacionais Cabify e Uber perante as Inspeccións de Traballo dos respectivos territorios nos que operan esas empresas.
foco de atención nas 20 horas engadidas ás 40 horas de xornada laboral semanal ordinaria, nas que Cabify, Uber e o resto de empresas que operan baixo o seu paraugas obrigan ás condutoras e aos condutores de vehículos con licenzas VTC a permanecer a disposición da empresa para atender a posibles requirimentos e servizos
A denuncia, coordinada polo Col·lectiu Ronda, sitúa o foco de atención nas 20 horas engadidas ás 40 horas de xornada laboral semanal ordinaria, nas que Cabify, Uber e o resto de empresas que operan baixo o seu paraugas obrigan ás condutoras e aos condutores de vehículos con licenzas VTC a permanecer a disposición da empresa para atender a posibles requirimentos e servizos, vulnerando de forma evidente a limitación do tempo máximo de traballo, intimamente vinculado aos dereitos fundamentais de descanso, saúde e seguridade no traballo das súas empregadas e empregados.

Ademais do exceso de xornada, os sindicatos denunciantes, a iniciativa da IAC, tamén trasladaron á Inspección de Traballo a problemática en materia de protección de datos e dereito á intimidade que supón que tanto clientela como condutoras/es teñan acceso recíproco ao número de teléfono da outra parte.
A CUT fixo efectiva esta mañá a denuncia na Inspección de Traballo da Coruña, cidade onde están operando ambas as dúas multinacionais, sinalando ás empresas Ares Capital S.A. e Traslados Operativos Clase Suprema S.L. como responsables de executar o servizo na provincia da Coruña.