Opinión.- Brais González Pérez. Responsable Asesoría Xurídica da CUT.
Non hai moito meu pai festexaba a aparición do seu vello carné do Sindicato Obreiro Galego (SOG), impreso en 1975. O número 6 da Comarca de Vigo. Pola súa parte, sorprendíame a SMS dunha amiga feminista que, após ver o documentario Vigo 1972, celebraba a aprendizaxe do sindical conxunta. Eu celebro, con ela, coas miñas compañeiras do sindicato, toda a aprendizaxe, no simple e no convulso, que a loita feminista das mulleres obreiras supón, e celebro mesmo o moito aprender que me queda. Cos meus compañeiros e compañeiras que se xubilan “coas botas postas” e cunha dignidade sindical incorruptíbel, aos que esta sociedade insiste en calificar como de onte ou de antonte, querendo afastalas e afastalos do centro pola interesada crenza da suposta “mellor calidade democrática das xeracións máis mozas”, celébroo todo. Celebro o diferente, porque no debate, na discusión e no conflito está a aprendizaxe, e celebro o común, porque elas e eles nos entregaron a técnica e os fíos para seguir a tecer movemento obreiro.
Seguimos sometidas ás dificultades materiais e económicas dun ciclo de crises que non remata nunca, estamos a cada pouco máis illadas da nosa xente e da nosa historia, estamos máis pechadas na nosa épica particular e na nosa falsa razón sen contrastes
O capitalismo neoliberal chámanos a diluír toda esta memoria, a derrocar os mitos. A pasar pola picadora o que nos antecede, a sometelo á hipercrítica. A convencernos de que todo ese sentir e todo ese aprender non resulta útil porque non ten valor de librecambio. Pídenos estar lonxe das outras e dos outros, deixar de sentir esa responsabilidade sobre a nosa familia de clase que as militantes da “outra historia posíbel” sentimos. Pídenos afastarnos cando chega o conflito, consubstancial a unha estrutura de traballadores e traballadoras acosadas e atacadas de maneira permanente e violenta. Convócanos a antepoñer o noso ego sobrealimentado, a deixar de aprender do fío de voz que nos chega do pasado. A pensar que nós e a nosa perspectiva propia, individual e non dialéctica, é a medida de todas as cousas. Pídennos que creamos que o sabemos todo, que nos neguemos a vivir a convivencia sindical como unha escola revolucionaria á que hai que acudir coa capacidade de aprender, sentir e sorprendernos.
Celebro o diferente, porque no debate, na discusión e no conflito está a aprendizaxe, e celebro o común, porque elas e eles nos entregaron a técnica e os fíos para seguir a tecer movemento obreiro.
Con esta convicción, estamos soas. En tempos tan difíciles como os de agora, nos que a pandemia sanitaria e o andazo neoliberal nos confinan e nos devoran psicoloxicamente, quedamos sen recursos para defender con alegría as nosas loitas ou para defender a alegría como se defende unha barricada de pneumáticos. Seguimos sometidas ás dificultades materiais e económicas dun ciclo de crises que non remata nunca, estamos a cada pouco máis illadas da nosa xente e da nosa historia, estamos máis pechadas na nosa épica particular e na nosa falsa razón sen contrastes. Tamén por iso, no social, as conquistas son miudiñas, lentas, difíciles, e case nunca sabemos celebralas entre todas.
Que pasaría se nos detemos un momento? Se nos separamos por un intre do concepto de casa que nos impoñen e que se limita aos nosos corpos? Se, por poñer un exemplo, nos emocionamos co que pasou en Vigo no 1972? E se sentimos que aquela xuntanza ao pé da invernía de 1972 no comité de empresa de Citroën pedindo as 44 horas semanais, que precipitou unha folga de máis de 25.000 traballadoras, ten moito a ver coa chama que sosteñen, con dificultade e en minoría absoluta, as nosas compañeiras e compañeiros da CUT Citroën?
E se escoitamos ese ruxir afogado polo libre mercado das mulleres rusas do textil que o 23 de febreiro (8 de marzo) de 1917 estalan nunha folga sen precedentes polo Día Internacional da Muller Traballadora? E se atendemos ao feito de que elas, as nosas, apedraron os cristais das metalurxias para que os traballadores do metal se unisen á súa convocatoria pola paz e o pan? Se lle prestamos atención ao feito de que esa folga foi a chama que prendeu o lume que ardeu ben forte da Revolución Soviética? Se sentimos, por un acaso, o que nos queren prohibir sentir: que esa folga conecta, a través dunhas poucas décadas de historia, coa folga que o feminismo e as nosas compañeiras da CUT defenden hoxe con horas de esforzo, de traballo militante, de entrega e con altas doses de orgullo? E se esa compañeira da CUT que deu un discurso emotivísimo no piquete ante a máquina de devorar dereitos que é a CRTVG, no seu 8 de marzo, está a apedrar o vidro xa quebrado deste sistema capitalista, colonial e patriarcal, e a convocar a máis e máis compañeiras para que esta intifada de dignidade venza irreversibelmente?
E se termamos ben forte dese fío da historia que chega ata nós? Se nos prendemos del, nos apertamos firmes, se sentimos que a calor das poucas que somos se suma á calor das moitas que fomos e das moitas máis que seremos?
E se nos caen unhas bágoas por algo que non sexa un problema intimamente noso, por exemplo, pola morte de Amador e Daniel? E se pensamos máis unha vez como a súa achega, o seu esforzo, e a súa forma firme de andar polo mundo do traballo, a súa total integración no espazo obreiro ferrolán, catalizaron un movemento que despregou un incendio que estivo a piques de liquidar a ditadura para sempre? E se vemos que a pel se irrita non polo frío, senón por esa evocación, e nos emocionamos pensando que unha manifestación de 50 persoas baixo a chuvia en Vigo supón continuar, coa dificultade dos tempos, o seu relato, mostrarnos agradecidas? E se ese camiñar, tan intranscendente, de aparencia ritual, pode ser unha maneira de comprometernos a continuar a batalla por sermos libres alí onde eles a deixaron involuntariamente?
E se termamos ben forte dese fío da historia que chega ata nós? Se nos prendemos del, nos apertamos firmes, se sentimos que a calor das poucas que somos se suma á calor das moitas que fomos e das moitas máis que seremos? Ollar para atrás é unha forma de aprender a mirar sen medo ao futuro. Porque o futuro vai ser noso. Nunca máis unha propiedade privada.