Deixade vivir a Cuba!

109

Hai hoxe 65 anos desembarcaron en Praia Girón máis de 1.400 mercenarios entrenados e financiados pola CIA, co obxectivo de botar abaixo o Goberno revolucionario e devolver Cuba á escravitude.

“Por alí viñeron, pero alí quedaron”: os milicianos e o exército revolucionario, baixo a dirección do Comandante Fidel Castro, foron quen de derrotar os invasores en menos de 72 horas.

Xa un ano antes, puxérase en marcha a estratexia de asfixia da Revolución. O memorando de Lester Mallory explicaba en detalle o obxectivo de xerar “fame, desesperación e o derrocamento do goberno” por medio do desgaste económico. A Orde Executiva asinada por Kennedy no 1962 institucionalizou o bloqueo total.

Foi no contexto dese asedio, tan vello como a propia Revolución, que Cuba marabillou o mundo coa súa capacidade, non só de sobrevivir, senón de desenvolver unha sociedade de novo tipo, na que ninguén quedou sen aprender. En Cuba floreceu unha educación de alta calidade, baseada na alfabetización en masa e o acceso universal e gratuíto a todos os niveis educativos.

“A Revolución Cubana puxo a disposición de todo o pobo a arte, o deporte e a ciencia; construiu un modelo de atención médica universal, gratuita e punteira, baseada na saúde preventiva e nunha industria biotecnolóxica que se conta entre as máis avanzadas do mundo.”

A Revolución Cubana puxo a disposición de todo o pobo a arte, o deporte e a ciencia; construiu un modelo de atención médica universal, gratuita e punteira, baseada na saúde preventiva e nunha industria biotecnolóxica que se conta entre as máis avanzadas do mundo.

O desenvolvemento de 5 candidatos vacinais contra a COVID19 foi un fito sen precedentes na América Latina e permitiu a Cuba levar adiante unha campaña de inmunización masiva e independente dos monopolios da Big Pharma e das imposicións do bloqueo. Isto foi posible grazas á existencia dunha industria biotecnolóxica de vangarda, posta ao servizo da saúde pública e non do beneficio privado.

Durante a pandemia, o fluxo de axuda médica foi da pequena Cuba asediada cara ao mundo, e non ao revés. Cuba despregou a súa solidariedade internacionalista a través do Continxente Médico Henry Reeve especializado en situacións de desastre. 57 brigadas médicas foron enviadas a 40 países para tratar a máis de 1 millón de pacientes.

Cuba, designada polos criminais de guerra imperialistas como “país patrocinador do terrorismo” exporta médicos en vez de bombas. Nos últimos 60 anos, a colaboración médica cubana abrangueu 165 países dos 5 continentes, coa participación de máis de 600.000 traballadoras e traballadoras da saúde. “A solidariedade non se pode bloquear”, dixo o embaixador cubano en Bélxica. Cuba é importante para o mundo. Cuba é un exemplo de humanidade.

“O Imperialismo leva máis de 65 anos en guerra contra Cuba. Unha guerra híbrida que combina a agresión militar, as accións de sabotaxe e terrorismo, o boicot económico, as sancións financeiras, a asfixia enerxética e a desestabilización e a intoxicación usando os medios masivos de desinformación e as cloacas das redes sociais.”

O Imperialismo leva máis de 65 anos en guerra contra Cuba. Unha guerra híbrida que combina a agresión militar, as accións de sabotaxe e terrorismo, o boicot económico, as sancións financeiras, a asfixia enerxética e a desestabilización e a intoxicación usando os medios masivos de desinformación e as cloacas das redes sociais.

No comezo do 2026, o cerco a Cuba acadou unha intensidade sen precedentes. O ataque a Venezuela e o secuestro do presidente Maduro, seguidos das ameazas de sancións contra quen ouse subministrar petróleo a Cuba elevaron a un grao superior a asfixia da illa. Levárona a unha situación de emerxencia enerxética que estrangula o acceso da poboación cubana aos productos máis básicos: alimentos, medicamentos, equipamentos médicos e artigos de primeirisima necesidade.

Isto dáse no contexto dunha intentona desesperada dos Estados Unidos e dos seus lacaios sionistas por perpetuar a ditadura global do gran capital imperialista sobre os pobos do mundo. A intervención contra Venezuela, a agresión brutal contra Irán, e a activación do chamado” Escudo das Américas” desde Miami para preparar unha intervención militar directa configuran un contexto crítico que pon en perigo todos os logros da revolución e o exercicio dos dereitos humanos máis básicos do pobo cubano. Estados Unidos busca provocar o colapso económico e social de Cuba, estrangulala e rendela por fame.

“Cuba responde defendendo a súa dignidade e autodeterminación contra quen violan sen cesar o Dereito Internacional no Caribe e en todos os confíns do universo.”

Nesta dramática situación Cuba non cede á chantaxe. Cuba non se rende, nin renuncia a un sistema político e social superior, elixido e decidido polo seu pobo, todos os días desde 1959. Cuba responde defendendo a súa dignidade e autodeterminación contra quen violan sen cesar o Dereito Internacional no Caribe e en todos os confíns do universo.

A humanidade débelle moito á Illa da Liberdade. Hai que facer da solidariedade un clamor universal, un rexeitamento global unánime da agresión ianqui.

Hai que defender a Cuba da criminal ofensiva dun imperio moribundo que morre matando e sementando por todas partes miseria, caos, xenocidio e guerra de rapiña.

Hoxe, coma onte en Praia Girón, hai que facer que se vaian por onde viñeron. Que deixen vivir a Cuba.

Contra o bloqueo criminal!

Contra o asedio imperialista!

Cuba vencerá!