Defensa do dereito á folga no encontro da Eurof

192

O pasado 15 de febreiro celebrouse en Bilbo un encontro da Eurof, que é o Secretariado Europeo da FSM. Foi a primeira xuntanza presencial despois do 18 Congreso Sindical Mundial celebrado en Roma en maio do ano pasado.

Neste encontro, que tivo como anfitrión o sindicato LAB, estiveron presentes a CGTP-IN de Portugal, PAME de Grecia, o Bloque de Esquerda Sindical de Austria, PEO de Chipre, a CUT de Galiza (representada polos compañeiros Manolo Camaño e Tomás Hermelo), COS e CSC de Catalunya e USB de Italia – xustificou a súa ausencia a CGT do Estado Francés pola actual conxuntura de folgas-.

Comeza a andar esta nova andaina baixo a coordinación da Unión Sindical de Base (USB) e na persoa do compañeiro Pier Paolo Leonardi.

As distintas intervencións das organizacións asistentes versaron sobre a conxuntura que bate na clase traballadora, particularmente a intención da UE de recortar ou prohibir o Dereito de Folga. Constatamos que, de distintas maneiras e en distintos grados, en todo o espazo da Unión Europea se están producindo inercias gobernamentais e da patronal destinadas a este obxectivo.

Reflexionamos ademais sobre o contexto histórico capitalista que os pobos e os sectores populares estamos a enfrontar e que ven fortemente debuxado polo aproveitamento do capital, primeiro da pandemia do Covid 19 e agora coa guerra da OTAN coa Federación Rusa.

Entre os acordos acadados están a coordinación de xornadas de mobilización a concretar a nivel europeo para o presente ano e a celebración dun novo cumio da Eurof para a vindeira primavera a celebrarse en Francia.