REPENSEMOS OS CENTROS COMO ESPAZOS DE LIBERDADE
Tras múltiples reaccións ao eufemismo empregado polo Conselleiro de Educación galego, “neutralidade ideolóxica”, onde quere dicir control político, dende a CUT Ensino chamamos aos claustros a valorar as graves implicacións que disfraza este termo e rexeitar dita instrución e a súa aplicación.
A neutralidade ideolóxica é unha falacia, un chamamento ao non posicionamento e unha contradición evidente co suposto pensamento crítico.
Dito termo vén reflectido en referencia ao respecto aos valores constitucionais (españois): monarquía parlamentaria, socialdemocracia, estado de dereito, propiedade privada, estado aconfesional non laico etc. Todos o cóctel derivado da rancia Constitución española da nefasta transición democrática.
A neutralidade ideolóxica, din os defensores, non pode cuestionar ditos valores supostamente exemplares. A liberdade de expresión, o pensamento crítico, o ensino plural, etc quedan fóra de xogo.
Dende a CUT non nos sorprende, xa que o control ideolóxico dende instancias políticas e empresariais vense dando e consentindo dende hai anos, agora nun paso máis para pechar este proceso, legalízase e agrúpase de forma “legal”.
A POLICÍA: Levamos anos comprando o Plan Director dende os Equipos de Orientación, mercando ideoloxía policial estatal punitivista para o alumnado: ciberseguridade, drogadición, etc. dende o punto de vista policial, como se non houbese educadoras sociais, traballadoras sociais, integradoras e persoal fóra do aparato represivo estatal para educar dende a prevención e valores civís os conflitos (non dende o medo á forza da lei). Que está pasando? Hai anos sería impensable ver policía uniformada nos centros.
COMUNIDADE DIVERSA: cada ano chegan á inspección casos de familias que rexeitan a formación en diversidade. A resposta adoita ser unha investigación cuestionando o labor docente, poñendo peros e facendo de altofalantes de ideas reaccionarias.
RELIXIÓN: segue presente nos centros coma unha materia máis nun estado supostamente aconfesional, non hai avances para a súa supresión dende os anos 70.
FUNDACIÓNS EMPRESARIAIS: organizacións filantrópicas baseadas na explotación capitalista da clase obreira de diferentes xeitos: Becas Amancio Ortega, Fundación Botín, Educaixa, etc Actividades financiadas por grupos que buscan ter control no sistema educativo mediante programas aparentemente neutros. Somos cómplices da súa explotación e enriquecimento normalizando a súa presenza entre menores como benefactores. Defraudadores, explotadores laborais, etc que usan eses espazos para limpar a súa imaxe mediante o elo máis penetrante: o ensino.
PRIVATIZACION DA FP: a deriva cara o control empresarial dos programas de ensino na FP é innegable duns anos a esta parte. Os claustros perden o poder de decisión a favor das empresas en cuestión puramente educativas.
Estes son só algúns exemplos do que estamos a consentir e mentres non haxa unha forza sindical realmente combativa, non acomodada e que deixe de tragar con pedras de muíño en cada mesa sectorial só podemos ir a peor.
Á espera de coñecer o documento final da instrución de control ideolóxico anunciado, a CUT como sindicato libre de subvencion algunha por parte de quen nos dirixe e sendo conscientes de que o motor que pode cambiar o rumbo ten que estar na maioría sindical, chamamos a todas as organizacións a unha protesta colectiva, non de panfleto e pegatina no centro, senón de mobilización, asemblea nos centros e loita na rúa.












