DECRETO QUE POSIBILITA O DESPEDIMENTO DO PERSOAL LABORAL DAS ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

53

Vaise concretando o que desde algún medio de comunicación se adiantou. Xa hai un borrador do decreto que posibilitará o despedimento colectivo na administración pública. Os sindicatos maioritarios recibiron este borrador o día 27 de xullo solicitándoselles, por parte da Dirección General de Empleo del Ministerio de Empleo y Seguridad Social, que antes do día 6 de agosto realizasen as alegacións que estimasen oportunas.

Os sindicatos maioritarios ocultaron a existencia deste borrador, que transcendeu publicamente o día 6 de agosto.

O decreto proxectado cumpre escrupulosamente con todo os principios que guían o proceder do partido no goberno: Trátase dun mero formalismo a seguir para chegar ao obxectivo fixado: o despedimento.

É unha nova medida consoante coa ferocidade dos poderes políticos respecto do persoal das administracións públicas. Para nós resulta especialmente perigoso o establecido no Título III que contempla a regulación dos procedementos de despedimento colectivo no ámbito das Administracións Públicas.

Neste capítulo rómpese con todo o que ata agora formaba parte da natureza do conxunto do Sector Público ao establecer, por primeira vez, a regulamentación a seguir para converter o que até agora eran procedementos excepcionais en cuestións habituais. Neste título regulase o trámite a seguir para o posible despedimento colectivo do persoal laboral.

O establecido no proxecto do decreto é aínda máis prexudicial que o lexislado para o sector privado pois contémplase que, como quen despide é unha administración pública, as razóns esgrimidas teñen presunción de veracidade sendo o despido inevitable, mentres que o regulado para o sector privado permite a negociación entre as partes.

No Capítulo II no que se establecen as causas do despedimento colectivo indícase, entre outras cousas, que só coa diminución respecto do exercicio anterior do 10% no orzamento será razón suficiente para incoar o expediente de extinción de contratos.

Á hora de elaborar o ERE abondará con que a administración que execute os despedimentos presente unha “memoria explicativa das causas económicas”, así como os presupostos dos dous últimos anos e a relación dos postos de traballo que ten no momento en que presenta o expediente.

Coa solución neoliberal que se lle está a dar a crise que se concreta nas políticas de reiterados recortes que os gobernos están aplicando ás súas Administracións Públicas, qué Departamento, Consellería, Entidade Local, ente ou organismo non diminuíu xa ou é susceptible de diminuír un 10% do seu orzamento?

Convértense, deste os gobernos central e autonómico en xuíces do devir das administracións públicas respectivas determinando, segundo o reparto orzamentario que acorden, os servizos que se verán abocadas á rescisións de contratos, marcando, deste xeito o camiño directo á súa privatización.

Vulnérase, unha vez máis con este decreto, o dereito á negociación colectiva deixando absolutamente indefensos ao persoal laboral das administracións públicas.

Que ninguén se engane despois da regulamentación que posibilita o despido gratis para os traballadores/as da empresa privada ven agora a correspondente para o persoal laboral e, despois, virá a que se aprobe para o persoal funcionario. Neste barco, agora mesmo á deriva, imos todos/as e temos que salvarnos todos.

Esta nova doutrina legal mostra ás claras por onde van ir os pasos que o poder executivo ten pensado transitar. Crea agora a norma que ten pensado utilizar máis cedo que tarde, tal e como ocorreu noutros países intervidos.

Cada vez temos máis razóns para tomar as rúas e demostrarlle a este goberno monicreque dos intereses dos bancodelincuentes e dos poderes político-económicos estatais e estranxeiros que non tragamos. Que estamos fartos. Que teñen que dimitir porque non nos representan.

Lembrade que no mes de agosto, na área pública, as mobilizacións non decaen. Acudide ás concentracións convocadas todos os venres coincidindo coas reunións do Consello de Ministros.

Podedes consultar o borrador aquí.