Debemos parar o intento de PSOE e Unidas Podemos de reforzar a criminalización da protesta

271

Coa escusa de desaparecer o decimonónico delito de sedición PSOE e UP levan ao Congreso unha reforma do Código Penal que pulveriza o dereito á protesta social, blindando o delito de desordes públicas.

A teatralización do “político” no Estado segue a estar protagonizada por unha ultradereita nacionalista sobrerrepresentada, que condiciona os parámetros dos debates parlamentarios. Na súa obsesión por expandir a súa base social á forza de fabricar inimigos, a Catalunya mobilizada preséntase como o inimigo interno idóneo. Como contrapartida da calculada estridencia coa que a reacción se remexe contra calquera movemento de aproximación política, o ruído ambiente está a permitirlle ao espectro de forzas políticas moderadas incorporar discretamente as súas axendas represivas coa garantía de pasaren inadvertidas no debate político. A proposta de despenalización do delito de sedición, que se somete á toma hoxe no Pleno do Congreso é un valioso exemplo desta dinámica.

” Malia que no debate público apenas se trata esta regresión pola falta de transparencia coa que se presenta a reforma, a CUT vese obrigada a falar dunha proposta de “reforma do delito de desordes públicas”, como cerne da proposta.”

 

Baixo a bandeira do diálogo con Catalunya, PSOE e Unidas Podemos acaban de propoñer unha reforma do Código Penal que contén unha actualización completa do delito de desordes públicas. A ampliación do supostos e o endurecemento da consecuencias asociadas ao delito é de tal calado histórico e ten tal efecto práctico sobre o dereito á mobilización da maioría social que despraza o protagonismo que se lle pretende dar á desaparición do delito de sedición. Malia que no debate público apenas se trata esta regresión pola falta de transparencia coa que se presenta a reforma, a CUT vese obrigada a falar dunha proposta de “reforma do delito de desordes públicas”, como cerne da proposta.

Para comprender o alcance da proposta debemos partir de que o conflito non é tanto o texto reformado, senón o amplo espazo de arbitrariedade e discrecionalidade que a proposta abre para a aplicación da Lei, en mans das forzas policiais e órganos xudiciais. O amplo grao de autonomía coa que estas forzas represivas xa veñen graduando a aplicación das normas penais é amplamente coñecido e recoñecido polos promotores da reforma, PSOE e UP, se atendemos aos seus discursos públicos.

Sen necesidades de maiores reformas como a proposta, o marco actual de persecución do dereito de mobilización no Estado Español resulta xa inconmensurábel, en función de dúas variábeis a ter en conta:

  • A normalidade represiva:

A represión política da protesta xa ten actualmente un soporte legal amplo “natural”, a nivel penal e administrativo, superior mesmo ao doutras democracias formais da contorna. Toda democracia formal fabrica dispositivos represivos para disciplinar ás forzas políticas e sociais que cuestionan ou ameazan a estabilidade das relacións de poder, dominación e discriminación que a sustentan.

Ese soporte legal xa é o suficientemente indeterminado para que en función das necesidades de represión da protesta nun concreto momento, as forzas policiais e a xustiza poidan reaccionar con maior ou menor contundencia. É dicir, poidan modular a resposta represiva.

  • O exceso represivo:

Ademais tanto os xulgados como os corpos policiais poderán acudir á mera fabulación alí onde o soporte legal non alcance para amparar as súas prácticas, sen ningún tipo de consecuencia. Nas democracias formais o exceso represivo está tolerado en base a unha rigorosa garantía de impunidade para a xudicatura e os corpos policiais que, como órganos colaboradores, son en última instancia os que se axuízan a si mesmos.

“A grande modernización represiva que inclúe a proposta de PSOE e UP para a contracción do dereito á protesta social é a de actuar sobre este último delito, o de desordes, ampliando inconmensurabelmente as facultades de interpretación policial e xudicial dos seus límites, e endurecendo as consecuencias da súa imputación.”

En función do anterior, no actual marco de persecución do dereito á mobilización, para desactivar as protestas, tanto para criminalizalas no terreo discursivo como para perseguir á cidadanía mobilizada no terreo práctico someténdoa a fortes padecementos psíquicos, as forzas policiais e xudiciais utilizan un tradicional paquete de delitos, no que se agrupan os seguintes: delito de danos, delito de atentado á autoridade, delito de lesións e delito de desordes públicas, que é o máis abstracto de todos.

A grande modernización represiva que inclúe a proposta de PSOE e UP para a contracción do dereito á protesta social é a de actuar sobre este último delito, o de desordes, ampliando inconmensurabelmente as facultades de interpretación policial e xudicial dos seus límites, e endurecendo as consecuencias da súa imputación.

Dunha banda, posibilita un maior número de imputacións, incorporando como fundamento do delito o concepto de intimidación, que permite perseguir tamén a desobediencia civil pacífica, nos termos nos que foi fabulado por Manuel Marchena para condenar aos activistas de Aturem el Parlament.

Doutra banda, agrávanse as penas ao crear un novo tipo agravado que non describe condutas obxectivas,aberto a interpretacións creativas, de tal maneira que se faculta aos operadores represivos para valorar a imposición de penas con prisión efectiva asociada, o que suporá a incorporación das axuizadas aos presidios, en supostos nos que antes podían solicitar a suspensión.

Ademais, e na liña de exclusión da participación democrática da disidencia,  para estes casos, automatízase a pena de inhabilitación co fin de disuadir ás empregadas públicas e aos cargos electos da súa participación nas protesta; estigmatizando á cidadanía mobilizada, e establecendo un cordón sanitario. Así mesmo, facultan ás institucións represivas para prohibir participación nos procesos electorais das condenadas.

Nun tempo histórico que esixe que o dereito penal se repregue e retire as súas suxas mans do dereito á protesta social, o Secretariado Político da CUT considera intolerábel que o mesmo executivo que comprometeu a derrogación da Lei Mordaza e da normativa penal represiva incremente clandestinamente a persecución do dereito á mobilización. Cómpre visibilizar o trampantollo e asumir colectivamente que, entre os retos que se nos propoñen, está o de frear colectivamente esta grave ofensiva aos dereitos políticos e civís.

Secretariado Político da CUT