A candidatura da Central Unitaria de Traballadoras CUT-Saúde non acadou o obxectivo de obter representación sindical no comité de empresa no SERGAS en Ourense. Con todo, o resultado de 137 votos ten que ser valorado de xeito positivo pola sección sindical na que é a súa primeira convocatoria a unhas eleccións sindicais co foco posto na fin da precariedade laboral no Servizo Galego de Saúde. Quedaron ás portas de conseguilo, a 20 votos de obter unha delegada, pero con máis confianza e ganas de loitar por outro xeito de facer sindicalismo e co compromiso firme na defensa dos dereitos de todas astraballadoras e dos servizos públicos de calidade.
Tras unha intensa campaña de visitas aos centros de traballo da área sanitaria de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras, a CUT-Saúde agradece o esforzo de todas as compañeiras da candidatura, tanto na intensa campaña electoral, como no día das elección sindicais para garantir a presenza de representantes da CUT en todas as mesas electorais da provincia de Ourense. Grazas á entrega de todas e, sobre todo ás 137 traballadoras que co seu voto enchen de ilusión este novo proxecto sindical da CUT-Saúde que comeza agora, e que vai traballar arreo os vindeiros catro anos para conseguir obter voz propia no comité de empresa do SERGAS. O compromiso da CUT-Saúde é firme: loitar para conseguir mellorar a actual situación de precariedade no Servizo Público de Saúde Galego traballando día a día pola recuperación dos dereitos laborais de todo o cadro de persoal.
Avanzar na loita contra a precariedade
O obxectivo desta sección sindical é avanzar na loita contra a precariedade, a temporalidade e as cargas excesivas de traballo, mellorando así as condicións laborais das traballadoras e o servizo que se presta á cidadanía galega. A CUT-Saúde defende un SERGAS para todas e para todos, onde se coiden as traballadoras para poder coidar ben.
A CUT-Saúde desde xa comeza a pór en marcha o seu proxecto sindical en que a transparencia, o asemblearismo, a información e a loita son mellores as armas para mellorar as vida laboral das traballadoras. A CUT é un sindicato independente e de clase. E por iso tamén un dos obxectivos da CUT-Saúde é mudar o xeito de facer sindicalismo no SERGAS, un sindicalismo transparente e aberto a todas as traballadoras, alegre, desde a honestidade e o compromiso. Unha vez máis, sabemos que a unidade, a información, o asemblearismo e a loita son as mellores ferramentas para acadar os obxectivos que todas perseguimos: mudar a realidade nos centros de traballo desde o traballo diario.
Que non se volvan a pechar os ollos, que caia a venda, que a CUT-Saúde reclama unha voz propia que fale dos problemas reais das traballadoras do Servizo Galego de Saúde, un servizo público fundamental para a cidadanía galega. Un servizo de calidade, que non menosprece as condicións laborais das súas traballadoras. Porque sabemos que xuntas somos máis fortes, seguimos construíndo un sindicato libre, independente e de clase, tamén no SERGAS.
É hora de quitar a venda!
É a hora da CUT!